LEMA DO BLOQUE PARA O 25S

"Construír Galiza con ilusión. Galiza contigo"

"Construír Galiza con ilusión. Galiza contigo"
Goretti Sanmartín e Rubén Cela cos cartaces deseñados para a campaña electoral. Foto: Irene Pin
Goretti Sanmartín e Rubén Cela cos cartaces deseñados para a campaña electoral. Foto: Irene Pin  

O Bloque Nacionalista Galego presentou oficialmente a súa campaña electoral esta mañá na súa sede de Santiago de Compostela. Rubén Cela e Goretti Sanmartín definiron as chaves dun proxecto de proximidade. 


Construír Galiza contando con todos os cidadáns. É a premisa da que parte a campaña electoral do Bloque Nacionalista Galego de cara aos comicios do próximo 25 de setembro. Son dúas as partes nas que se divide unha campaña que ten un obxectivo dobre: derrotar  Feijóo e, así, “abrir un tempo novo” para os galegos e galegas.

Non abonda con desbancar Feijóo

Goretti Sanmartín recalcou a necesidade de impulsar políticas que garantan o benestar e bon funcionamento de Galiza, máis aló de “cambiar as caras da Xunta”. “Non nos conformamos con derrotar Feijóo”, arguiu Sanmartín na presentación da campaña electoral, para enfatizar que “Galiza ten futuro”, un porvir que desde o Bloque queren construír diferenciándoo dun presente no que, segundo Sanmartín, “Feijóo deixa o país empobrecido e desigual con máis paro, máis precariedade e menos galeguidade”.

Goretti Sanmartín: “Non nos conformamos con derrotar Feijóo. Hai que ir máis aló de cambiar as caras da Xunta”

Deste xeito, o BNG aúna as críticas ao goberno do Partido Popular coa proposición dun cambio de políticas baseado na batería de propostas que o Bloque presentara no mes de xullo, reforzada polo programa electoral aprobado este sábado polo seu Consello Nacional..

Campaña porta a porta

Rubén Cela, responsábel de comunicación do Bloque Nacionalista Galego, anunciou os dous piares básicos sobre os que se sosterá a campaña. O primeiro deles é a proximidade: “Haberá un máximo esforzo polo contacto directo porta a porta e boca a boca”, afirmou Cela quen engadiu que “o BNG gaña nas distancias curtas”. Unhas distancias que tentarán reducir cos propostos ‘Cafés para 5’, encontros nos que os líderes da formación conversarán en situacións distendidas con grupos reducidos de persoas.

Pola outra banda, a campaña estará centrada en dar a coñecer as propostas. Un punto no que serán chaves os debates electorais. Cela celebrou a realización do debate entre os candidatos de BNG, PSdeG, PP, En Marea e Ciudadanos na televisión publica de Galiza, mais apuntou que é "insuficiente", ao tempo que demandou unha dobre volta e debates entre os líderes provinciais.

Rubén Cela: “Calquera acordo pasará polo BNG”

Enquisas

A recente publicación de enquisas de intención de voto non é para o BNG “unha foto fixa”. Cela e Sanmartín afirmaron confiar nos efectos da campaña electoral do seu partido, coa que pretenden achegarse á xente para construír país en base a ela. Canto aos posíbeis resultados electorais, Rubén Cela analizou que “calquera acordo pasará polo BNG” situándose nun posto estratéxico para mudar un goberno do que non só queren “cambiar as caras, senón cambiar as políticas”.



x