INICIO DE CAMPAÑA

Conta atrás para a dupla cita electoral do 26M

Conta atrás para a dupla cita electoral do 26M
Un colexio electoral.
Un colexio electoral.  Foto: Adrián Freixeiro.

Arrincou xa a dupla campaña electoral das europeas e municipais. As formacións políticas volven á carreira pola mobilización do voto de cara a consolidar ou corrixir os resultados obtidos hai apenas uns días nas xerais. O punto de partida presenta un PSdeG á alza ante unha dereita que rivaliza por ver quen a encabeza, un BNG lanzado a polos concellos tras duplicar os votos no 28A e múltiples mareas coa prioridade de consolidar a alcaldía das tres cidades. Comeza a conta atrás.


Gonzalo Caballero pide o voto para “converter as cidades galegas en bastións de progreso”

O parque de San Lázaro, en Ourense, foi o emprazamento escollido polo PSdeG para arrincar a campaña electoral. Unha elección cargada de significado e intencións, xa que a das Burgas é a única cidade galega gobernada polo PP. Así, Caballero apunta cara ao concello como símbolo da derrota que prognostica para Feixoo.

Caballero chamou a repetir a “mobilización masiva” das xerais para impedir a entrada da ultradereita nos concellos

O secretario xeral do PSdeG, que acompañou o alcaldábel de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, animou a “converter as cidades galegas en bastións do progreso e da loita contra a extrema dereita”. Nese sentido chamou a repetir a “mobilización masiva” das xerais para impedir a entrada da ultradereita nos concellos nos que concorre e para evitar que unha dereita que “non é de fiar” chegue ás alcaldías. E acusou así o PP de tentar “renegar de Vox pese a que, onde lle dan as contas, como en Andalucía, ten selado un pacto coa ultradereita”.

psdeg“Estamos en condicións de avanzar en número de votos e de concelleiras e concelleiros nas sete cidades”, afirmou Caballero, e engadiu que se atopan en disposición de  mellorar os datos rexistrados nas eleccións municipais do ano 2015 en toda Galiza. Por contra, prognosticou que o PP “vai retroceder” en todas as cidades galegas e baixar a súa porcentaxe de apoio.

“Estamos en condicións de avanzar en número de votos", afirmou Caballero

“Somos a esquerda que sabe gobernar”, afirmou o secretario xeral do PSdeG e erixiu o seu partido como a mellor garantía de avance e progreso en cada concello.

En canto ás eleccións europeas, tamén apelou a impedir “o retroceso no proxecto europeo que implican as forzas de ultradereita, nun momento no que toca debater o marco financeiro que rexerá até 2027”.

Rafael Rodríguez Villarino foi sinalado por Caballero como o vindeiro alcalde da cidade de Ourense “á vista da xestión nefasta levada a cabo polo único alcalde que tivo o PP neste mandato nunha das sete urbes galegas”. E salientou que no mandato do popular Jesús Vázquez nin tan sequera saíron adiante uns sós orzamentos, de maneira que toca “abrir o futuro”, sentenciou.

Feixoo chama a concentrar o voto no PP para “pasar da decepción de abril á vitoria de maio”

Alberto Núñez Feixoo inaugurou a campaña do PP desde o Hotel Compostela, na capital galega, propoñendo a todas as persoas “que desexen outro goberno en España a que unan o seu voto no PP” para así pasar, segundo afirmou, “da decepción de abril á vitoria de maio”.

Nese sentido, xa pola tarde no mitin en Pereiro de Aguiar incidira en que o PP “é un partido amplo no que tamén caben as e os votantes de Ciudadanos e os votantes moderados doutros partidos”.

O voto ao PP é un voto para dicir á Unión Europea que “Galiza é importante", apuntou Feixoo

feixooDurante a tradicional pegada de carteis, o líder do PP pediu tamén o voto para as eleccións europeas, pois alertou de que están en xogo os intereses de Galiza. Así, asegurou que o si ao PP é un voto para dicir á Unión Europea que “Galiza é importante e que as nosas prioridades teñen que estar na súa axenda”.

Ergueuse así o presidente da Xunta como defensor de Galiza, “fronte a quen non lle importou”, segundo denunciou, e sinalou os que “empregaron o seu escano para dicir que estaban en contra das vacinas e outros que o utilizaron para promover o nacionalismo e o independentismo e mesmo outros incluso nin o usaron”, en alusión a Lídia Senra (que se presentara pola extinta AGE), Ana Miranda (BNG) e o PSOE.  De Millán Mon, o candidato galego na lista do PP e actual deputado na Eurocámara, dixo que “gañou o respecto das institucións europeas defendendo Galiza e España”.

O BNG apela a gañar peso político nas cidades

A formación nacionalista elixiu A Coruña para abrir a campaña das eleccións municipais e das europeas. Fíxoo da man de Ana Pontón, portavoz nacional, de Ana Miranda, candidata ao Parlamento europeo, e de Francisco Jorquera, candidato á Alcaldía na Coruña.

Na súa intervención, a dirixente do BNG puxo de manifesto que o obxectivo do 26M pasa por “sumar concelleiros e concelleiras, gañar máis alcaldías para formar máis gobernos BNG e, por suposto, avanzar para ter máis peso político en todas as cidades”.

Insistiu Pontón na idea de que o Bloque Nacionalista Galego está “á alza” e valorizou o “modelo municipal de éxito, que ten demostrado que funciona” do BNG. Un modelo, engadiu “capaz de transformar en positivo vilas e cidades para mellorar a vida das persoas”. “Cando confiamos nas posibilidades do país e temos políticas propias, avanzamos e logramos grandes cousas”, agregou.

bngA portavoz nacional do BNG salientou que a forza nacionalista camiña “na boa dirección” e chamou a sumar “máis galegas e galegos” e a mobilizar a militancia para “explicar a nosa alternativa para os concellos e para Europa, porque para vencer hai que convencer”.

A candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, interveu no acto que decorreu na praza de Catro Camiños para salientar que “elixir a papeleta do BNG o 26M é garantía de eficacia na defensa dos intereses de Galiza a través dunha voz propia na Eurocámara”. Apelou a “aglutinar no BNG todo o voto de país para conseguir unha representación reforzada a través de escano propio, con voz nacionalista e de esquerdas en Bruxelas”.

Puxo como aval o traballo realizado no Parlamento Europeo, “desde a defensa dos sectores produtivos con logros claros como salvar a flota do xeito dunha normativa que a condenaba á desaparición, o contundente informe a favor das demandas das vítimas do Alvia, a defensa da rexeneración das rías e contra os megaproxectos contaminantes ou a declaración do lexislativo comunitario contra os privilexios do post-franquismo.

O candidato á Alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera, destacou que a lista que lidera “é a única que pode asegurar un cambio real e feito desde nós”. Unha candidatura, dixo, que representa “solvencia, solidez e capacidade”.

“Somos unha forza política sólida e en ascenso, avalada pola nosa traxectoria municipal, e estou convencido da nosa fortaleza. Temos proxecto de cidade, porque temos proxecto de país”, proclamou Jorquera na apertura de campaña, que compartiu coa actual portavoz municipal, Avia Veira.

Na súa intervención, Jorquera advertiu que ao BNG lle toca “mudar a decepción xerada por un goberno e unha xestión improvisada e ineficaz, darlle a volta e converter iso en ilusión a través dun cambio transformador, orientado desde a defensa do público”.

En Marea ten o obxectivo de dar prioridade ás necesidades da cidadanía

A praza Maior de Lugo acolleu o inicio de campaña de En Marea, onde interviron o portavoz da formación, Luís Villares, a candidata ao parlamento europeo, Lidia Senra, e máis o alcaldábel de Lugonovo, Xosé Chorén. Reivindicaron após a colada dos primeiros carteis a necesidade dun novo modelo político que poña por diante as necesidades e o benestar da cidadanía e impulse a xustiza social nos concellos e nas institucións europeas. 

unnamed (14)O duplo lema de campaña escollido é claro e directo: "A nosa voz nos concellos" e "A nosa voz en Europa". Con eles queren pór o foco nas políticas sociais, na desmercantilización de servizos e na necesidade de garantir dereitos e calidade de vida para o conxunto da cidadanía.  

O duplo lema de campaña escollido é claro e directo: "A nosa voz nos concellos" e "A nosa voz en Europa"



Villares apelou á mobilización do voto porque “Galiza xógase moito” e nese sentido comprometeu a defensa de En Marea por desmercantilizar as pensións, a sanidade ou a auga. “Non podemos permitir que se faga negocio co que é de todas, e que se detraia do público en aspectos básicos que deben ser dereitos garantidos", afirmou.


Na mesma liña interveu a candidata á eurocámara Lidia Senra, que ocupa o número 2 da coalición En Marea – Compromiso por Europa. Sinalou pois que a UE "conta con recursos suficientes para erradicar a pobreza, para que ningunha persoa viva sen un teito ou sen poder alimentarse correctamente” polo que asegurou que desde En Marea continuarán a traballar polo reparto da riqueza, unha renda básica universal a nivel europeo, salarios, prezos agrícolas e pensións públicas dignas.

Senra lembrou a importancia que as decisións que se toman en Europa teñen para o sector agrícola e pesqueiro en Galiza

A actual eurodeputada lembrou tamén a importancia que as decisións que se toman en Europa teñen para o sector agrícola e pesqueiro en Galiza, e sinalou que “arredor do 80% das decisións políticas que afectan á nosa vida diaria, á vida dos galegos e galegas, se toman na UE, a través de políticas como a PAC (Política Agrícola Común) ou a PPC (Política Pesqueira Común)”.

Da candidatura municipal Lugonovo, apoiada por En Marea, interveu o alcaldábel Xosé Chorén, quen apelou a actuar "con valentía para mudar as cousas e mellorar a vida das persoas” e animou a facer bandeira da xustiza social.

Ciudadanos proclámase “a única opción de cambio”

A candidata de Ciudadanos á alcaldía de Santiago, María Vilas, abriu a campaña electoral desde a praza do Obradoiro, baixo os soportais do Pazo de Raxoi, querendo simbolizar que están “a tocar a porta do concello”.

MARIA VILAS Ciudadanos“Vimos para facer historia” afirmou Vilas, quen anunciou que obxectivo da formación laranxa é “que as cousas cambien e que Santiago deixe de estar estancado no tempo”.

Durante o acto asegurou que nestes tres anos en que mantiveron continuos contactos e reunións con asociacións e sociedade civil foilles trasladada “en reiteradas oportunidades, a necesidade dunha renovación da capital en todos os ámbitos”. Nese sentido, Vilas insistiu na necesidade de “achegar un sopro de aire fresco a Raxoi” e de dinamizar a cidade para facer de Santiago un lugar de oportunidades e de futuro.

“Se votamos os mesmos, só obteremos máis do mesmo”, alertou a candidata

“Se votamos os mesmos, só obteremos máis do mesmo”, alertou Vilas, quen afirmou que de seguir con igual goberno, a cidade “seguirá igual de arcaica e obsoleta, por iso, o voto útil este 26 de maio é a Ciudadanos xa que seremos os garantes de que en Raxoi se dean solucións aos problemas reais da veciñanza”.

Compromiso por Galicia reivindícase como chave decisiva

Na sede de Compromiso por Galicia, na compostelá avenida de Lugo, arrincou a colada inicial de carteis. Nela, o candidato á alcaldía da capital galega, Xoán Báscuas, afirmou que o obxectivo do partido galeguista é ser chave decisiva no goberno de Santiago, mais puxo como condición entre as forzas “chamadas a gobernar” a previa aceptación do “pacto do rural” que en CXG defenden. Tamén afirmou que o seu proxecto para Santiago é unha proposta de veciñanza para todo o concello, para que a todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto vital no propio concello, desde adquirir unha vivenda a comezar un proxecto empresarial ou atopar un emprego, ao tempo que pularán para que os servizos sociais se convertan no cuarto piar do estado de benestar.

CXGO candidato ás eleccións europeas de CXG e secretario xeral desta formación, Juan Carlos Piñeiro, arrincou a campaña en Burela, desde onde chamou á participación e apoio xa que declarou que son a única forza galega que parte con máis opcións de ter representación en Bruxelas, en alusión aos resultados dos inquéritos para CEUS (Coalición por unha Europa Solidaria) na que Piñeiro ocupa o terceiro posto após a representante de PNV e de Coalición Canaria.