Corenta anos de nacionalismo no Concello de Santiago

Corenta anos de nacionalismo no Concello de Santiago

Concelleiros e concelleiras do BNG nas distintas corporacións e gobernos municipais nestas catro décadas poñen en valor nun acto as iniciativas impulsadas pola formación que transformaron a cidade.


O BNG quixo visibilizar e poñer en valor o traballo que desenvolveu ao longo destes catro anos no Concello de Santiago, quer na oposición quer no goberno municipal. O acto '40 Anos de nacionalismo no Concello de Santiago' reuniu concelleiros e concelleiras do Bloque nas diversas corporacións municipais destes anos para lembrar as accións que emprenderon “para transformar Compostela nas últimas décadas”

No acto estiveron ademais da candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, Encarna Otero, Néstor Rego, Xosé Manuel Iglesias, Manuel Portas, Olga Pedreira, Rafa Vilar, Rubén Cela, Elvira Cienfuegos e Soco García Conde.

Na súa exposición destacaron a coherencia e capacidade de traballo que caracteriza os grupos municipais do BNG, “que impulsaron medidas transformadoras enmarcadas nun proxecto de país para definir o modelo de cidade”.

Entre as iniciativas que impulsou o BNG destacaron a Casa das Mulleres, programas de rehabilitación da Cidade histórica, premios internacionais pola recuperación de espazos urbanos, os Consellos de Participación Cidadá, escolas infantís municipais, a ludoteca María Miramontes, as primeiras hortas urbanas, a democratización do Consorcio da Cidade de Santiago e do Auditorio de Galiza e o primeiro Plan Municipal de Normalización da Lingua Galega do país. Ademais, tamén se refreriron a que a presenza do BNG conseguiu, coa mobilización social e política, a paralización do 'pelotazo' na Finca do Espiño, da intención de pechar o mercado de gando de Amio (que hoxe é primeiro do Estado en vendas e transaccións).