MEMORIA

A Coruña aproba a moción do BNG que insta a retirar a Fraga o título de Fillo Adoptivo

A Coruña aproba a moción do BNG que insta a retirar a Fraga o título de Fillo Adoptivo
Fraga e Franco
Fraga e Franco  

O pleno da Coruña aprobou a moción presentada polo BNG pola que se insta á retirada do título de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga Iribarne e a Laureano López Rodó. Só contou coa oposición do PP e trátase da segunda moción que triunfa após facelo en Ferrol.


A moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego para a retirada do título de Fillo Adoptivo da Coruña a Manuel Fraga Iribarne e a Laureano López Rodó, ambos ministros da ditadura franquista, contou coa oposición do PP e cos votos favorábeis da Marea Atlántica e máis do PSdeG.

A primeira moción en triunfar foi no concello de Ferrol

É a segunda moción que triunfa tanto en Galiza como no Estado dirixida a retirar os títulos honoríficos ao ex ministro de Franco e ex vicepresidente da Xunta, Manuel Fraga Iribarne. A primeira moción en triunfar foi no concello de Ferrol hai escasos días, na simbólica data do 25 de abril de 2019, tamén a iniciativa do Bloque Nacionalista Galego e cos votos en contra do PP.

A moción foi presentada pola concelleira do BNG Avia Veira

A moción, presentada pola concelleira nacionalista Avia Veira, está apoiada polo grupo de historiadores e historiadoras de Galiza que fixo público o seu apoio ao manifesto impulsado por persoas ex presas políticas no franquismo. Este manifesto esixe que se retiren a Manuel Fraga os títulos de Fillo Adoptivo que aínda mantén en diversos concellos galegos. Con este impulso, A Coruña retira xa os títulos honoríficos do concello concedidos a Fraga en decembro de 1968 e ao ministro de Planificación de Franco, Laureano López Rodó, en maio de 1972.

Segundo informou a Sermos Galiza Manuel Monge, representante do colectivo de presas, aínda quedan na Coruña 76 distincións de homenaxe a cargos do franquismo (entre rúas, emblemas, estatuas...). Por iso que Monge considera un éxito a segunda parte da moción defendida pola edila do BNG Avia Veira, pola que o pleno tamén se compromete a dar o seu apoio á actividade de todas aquelas comisións ou grupos de traballo que se impulsen desde o concello para culminar a retirada de simboloxía franquista e a eliminación das distincións honoríficas outorgadas durante a ditadura a persoas vinculadas co franquismo.

Monge amósase satisfeito de conseguiren en tan poucos días que dous concellos retirasen os títulos honoríficos, e anuncia que o seguinte paso é concretar unha entrevista co presidente da Deputación da Coruña para que se retiren os 32 símbolos franquistas que aínda perviven. Ademais, recorda que outros concellos galegos aínda manteñen a Fraga como Fillo Honorífico, tales como Santiago de Compostela, Verín, Cervo, Pontedeume, Tui e o concello de Vilalba que o ten coma Fillo Adoptivo. Manuel Monge cualifica de inconcibíbel que Fraga aínda teña títulos honoríficos xa que el mesmo se describira “como servidor do franquismo”.

Entre as persosas asinantes do manifesto ao que deron lectura no pleno están Manuel Lourenzo, Rafael Pillado, Elvira Souto, Xosé Luis Méndez Ferrín, Celsa Díaz Cabanela, Francisco Rodríguez Sánchez, Manuel Peña Rey, Sary Alabau...