AS ELECCIÓNS A OLLOS DE...XURXO SOUTO

“A Coruña sempre se moveu nunha dualidade: ser provinciana ou ser aberta, galega e cosmopolita”

“A Coruña sempre se moveu nunha dualidade: ser provinciana ou ser aberta, galega e cosmopolita”

Dicir Xurxo Souto é na Galiza para moitos e moitas dicir tamén A Coruña. O escritor e músico reivindica A Coruña como unha “cidade-barco” fronte ao inmobilismo de urbe “provinciana”.


O 26 de maio, de novo cita coas urnas, desta volta eleccións europeas e municipais. Que agardas delas?

Hai un discurso maioritario que di que ser cidadán do mundo é ser cosmopolita. Creo que o único xeito de ser cosmopolita é empezar polo mundo que temos diante do fociño, que é Galiza. Polo tanto esa realidade é a que creo que ten que estar representada nas institucións, tanto nas municipais como nas europeas, e agardo que así aconteza. Se non somos quen de ver esa realidade máis próxima, o noso país, non podemos construír nada. A forza transformadora reside nesa realidade, tanto para Europa que para o máis próximo, o concello.

Botas algo en falta nas campañas electorais?

Boto en falta esa idea do mar. A forza deste o país está no mar, somos o país da auga, a talasocracia, o mar é o futuro pero ese discurso de futuro non é quen en xeral, e agás excepcións, de ser protagonista. Nós non somos periferia, somos o centro do mar mais iso non está asimilado, aínda hai moito discurso seguidista de Madrid. Galiza está en Europa cando se pon o barco en marcha.

Como ves o ambienta na Coruña, o pulso da veciñanza, ás portas dunhas novas eleccións, as do 26M?

A Coruña sempre se moveu nunha dualidade: entre ese discurso provinciano, que aínda está presente, esa tese que primeiro era El pequeño Madrid, nos tempos en que viña por aquí Franco ou Bernabeu; e despois foi a cidade-estado de Paco Vázquez. Fronte a ese discurso provinciano está outro: o da Coruña como cidade-barco, unha cidade aberta e cosmopolita, que bebe das raigañas deste país, unha cidade galega. De obreiros e obreiras que viñeron de todas as aldeas para facer esta cidade. Eu son desa cidade-barcoe espero que nestas eleccións saia esa cidade-barco.