Crespo di no Congreso que repartiu sobres a dirixentes do PPdeG e a xornalistas

Crespo di no Congreso que repartiu sobres a dirixentes do PPdeG e a xornalistas
Crespo, durante unha entrevista con Jordi Évole
Crespo, durante unha entrevista con Jordi Évole  

Ex secretario de Organización do PP, peza clave da trama Gürtel, representante da Xunta en Portos de Galiza non cesado no seu momento por Feixoo, Pablo Crespo prestou testemuño esta terza feira no congreso na comisión que investiga o financiamento irregular do partido que goberna a Xunta con maioría absoluta.


Crespo ratificou en sede parlamentar que o PPdeG competiu dopado na época en que el estivo ao mando, sendo que, dixo, 75 por cento do diñeiro co que financiaba as súas campañas era negro.

O ex secretario de Organización do PPdeG dixo que el mesmo entregou sobre-soldos a dirixentes do seu partido na Galiza e a xornalistas cuxa identidade non desvelou.

Pablo Crespo (Pontevedra, 1960) dirixiu o aparato do PP na Galiza durante un longo período de tempo, desde 1995 até 2003, cando foi relevado por Xesús Palmou. O máximo dirixente da formación conservadora no país era daquela Manuel Fraga, titular tamén da Xunta.

Mais a sombra de Crespo tamén se proxecta sobre Feixoo: o considerado número dous da trama Gürtel representou a Consellaría de Ordenación do Territorio no Consello de Administración de Portos de Galicia durante o período (xaneiro de 2003-agosto de 2005) en que o actual presidente do goberno galego foi titular desa carteira no Goberno Fraga.

Feixoo nunca explicou de forma convincente por que no seu momento non destituíu Pablo Crespo, quen acabaría por ser cesado no momento en que o bipartito asumiu o poder.

Crespo foi condenado en 2017 a 13 anos e 3 meses de prisión e ao pagamento dunha multa de 3,9 millóns pola comisión dos seguintes delitos: tráfico de influencias, falsidade documental, suborno, malversación e asociación ilícita.