POLA DESIGNACIÓN DO CABEZA DE LISTA

Crise en Ciudadanos co abandono de seis destacados membros en Pontevedra

Crise en Ciudadanos co abandono de seis destacados membros en Pontevedra
María Rey
María Rey  

Até seis membros de Ciudadanos que concorreran na candidatura municipal en Pontevedra abandonan o partido. Unha das baixas é a da concelleira durante o anterior mandato, María Rey, que perdeu a acta ao ser relegada á segunda posición na lista. Afirman atoparse molestas e molestos polas "formas" na elección do candidato.


Na cidade do Lérez até seis membros da candidatura de Ciudadanos ás eleccións municipais abandonan o partido laranxa. Unha das baixas producidas é a de María Rey, a única concelleira de Ciudadanos durante o anterior mandato e que vén de perder a súa acta de edila após ser relegada á segunda posición na lista municipal e, por tanto, non entrar no consistorio ao partido de Albert Rivera só ter logrado un representante o pasado 26M.

Durante as declaracións ofrecidas aos medios, María Rey, xunto aos outros cinco membros que se dan de baixa do partido, anunciaron que se atopan molestos e molestas coas formas en que se designou o cabeza de lista para as eleccións municipais. Remarcou Rey que o que molestou non foi o cambio nos postos na candidatura, senón as formas coas que se fixo. Nese sentido, Rey afirmou que "cando crees nun proxecto non che importa ir de 1 ou de 25, mais si as formas coas que o fixeron os cambios".

"Cando crees nun proxecto non che importa ir de 1 ou de 25, mais si as formas coas que o fixeron os cambios", indicou Rey

O líder da candidatura e concelleiro electo nas urnas do pasado domingo, Gregorio Revenga, resultou un nome polémico por se tratar dun cambio imposto pola dirección galega de Ciudadanos.

En canto á decisión de abandonar o partido, asegurou a ex concelleira que xa estaba "madurada" desde antes das eleccións municipais e asegurou que "non ten volta atrás". Tamén puxo en valor o traballo realizado durante o últimos catro anos e durante a campaña electoral, o que segundo indicou permítelles marchar "coa cabeza moi alta, co orgullo do traballo ben feito". Defendeu así mesmo o "traballo duro" realizado estes últimos catro anos en contra “do modelo de cidade" do BNG no que non crían.

Asegurou Rey que foron quen de pór Ciudadanos no mapa de Galiza e de Pontevedra

"Nós fixémolo ben” afirmou Rey, e engadiu que foron quen de pór Ciudadanos “no mapa de Galiza e tamén no de Pontevedra, pero se grande é o inicio máis grande é a arte de poñer fin, e hoxe poñemos fin a un camiño que empezamos xuntos, un camiño co que nós soñamos, un proxecto no que cremos e polo que pelexamos en contra de todos", aseverou.

Xunto a María Rey, abandonaron o partido Margarita Soliño (número 3 na lista), Pablo Sixto (4), José Manuel Bretal (5), Celso Otero (7) e Carla Barros (16).

A súa marcha de Ciudadanos foi comunicada segundo informou Rey “co estilo da lealdade e da humildade"

A súa marcha de Ciudadanos foi comunicada ao partido o venres, segundo informou Rey, “co estilo da lealdade e da humildade" e con agradecementos ao equipo que a acompañou e ás persoas nas que "confiaría a súa vida" e que "sempre" estiveron ao seu lado "sen pedir nada a cambio".