CRISTINA PÉREZ HERRAIZ, CANDIDATA EN MAREA POR LUGO

"O país non se viu representado e asistiu a unha función teatral nun idioma distinto"

"O país non se viu representado e asistiu a unha función teatral nun idioma distinto"
Imaxe de Lugonovo
Imaxe de Lugonovo  

Cristina Pérez Herraiz lidera a candidatura de En Marea por Lugo “co obxectivo de levar unha voz comprometida cos problemas de Lugo e de toda Galiza” ao Congreso. Confesa que foi o seu traballo nunha oficina de emprego o que a “sensibilizou sobre a dura emerxencia social”. Nos últimos anos foi concelleira e voceira municipal de Lugonovo.


Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Son unhas eleccións que se xogan en dous niveis simultáneos. Por unha banda, xogámonos unha axenda social fronte a unha axenda reaccionaria nun sentido múltiple: económico, social, no estado de benestar, nos dereitos das mulleres, no impacto ambiental da actividade humana… Pola outra, xogámonos unha representación territorial digna para o noso país, que atenda á nosa axenda de necesidades específicas.

Necesitamos unha voz galega que garanta unha axenda progresista

De pouco nos valen as mellores promesas se á hora de plasmalas materialmente en Galiza seguimos estando á cola dos indicadores sociais e económicos do Estado, como por exemplo nas pensións das persoas maiores. Necesitamos unha voz galega que garanta unha axenda progresista centrada na realidade material galega para acabar coa nosa condición de dobre periferia, europea e española, ou incluso tripla no caso das provincias de Lugo e Ourense.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Mala. Tres anos de Raxoi ao que sucedeu un ano de Pedro Sánchez que, máis alá de demostrar un coñecemento notábel das técnicas e rutinas da propaganda, non foi quen de atender ás cuestións que atinxen ao noso país e preferiu sumarse ao voluminoso grupo de presidentes españois insensíbeis á problemática galega.

Non se quixo dar un paso máis alá para cubrir as necesidades do noso país: a axenda social galega.

 

Houbo unha mellora discursiva cando se trocou a ladaíña da austeridade pola da axenda social, pero non se quixo dar un paso máis alá para cubrir as necesidades do noso país: a axenda social galega. O noso país non se viu representado e asiste a unha función teatral nun idioma distinto.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Creo que os problemas que afectan ao noso país son un conxunto interconectado deles derivado da situación periférica que comentaba antes. Resulta difícil separar tres porque, metaforicamente, se os separamos desa “bóla” vemos que quedan enganchados entre outros problemas cos que están ligados. Pero aqueles dos que pola miña propia experiencia persoal podo falar, os que me quitan o sono, son o envellecemento da nosa poboación, o crecemento da fenda interna na Galiza das dúas velocidades e a ausencia de oportunidades para a nosa mocidade e tecido produtivo.

En relación ao primeiro punto, témome que nos achegamos a unha sociedade envellecida que esquece unha parte tan importante da vida e da planificación social como son os coidados. En Lugo, onde son concelleira, temos traballado moito por este problema, pero precisamos unha estratexia integral. Os tres problemas afectan en maior ou menor medida ao conxunto do país, pero no interior é onde os tres, entrelazados, se deixan sentir con maior forza.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Penso que máis que un nome concreto, o noso referente é unha figura: a muller politicamente empoderada. Estamos a asistir a unha época onde cada vez hai máis mulleres en postos de representación e xestión política, e con resultados notables. Na maior parte dos casos son perfís moito máis empáticos e moito máis eficientes que aqueles aos que estabamos afeitos como sociedade.

Somos, con diferenza, a candidatura con maior presenza de mulleres

Creo que estamos a dar un paso de xigante pola igualdade e que a feminización da política, xa non só nun sentido biolóxico senón cultural e de actitudes, é unha conquista e a brúxula que guiará o noso labor parlamentario. Por iso somos, con diferenza, a candidatura con maior presenza de mulleres, especialmente en postos de saída, do noso país.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

É probábel que vaia encamiñada en materia de infrestruturas, especialmente pola situación lamentable da circunscrición pola que me presento e polo tipo de competencias que atinxen ao Congreso dos Deputados. Porén, En Marea no Congreso será caixa de resonancia da voz diversa, plural e rebelde de Galiza. Iso significa que moi probablemente comezaremos cunha batería que visibilice a axenda galega e se deseñe atendendo á situación específica de todas as circunscricións electorais.

Como ve as opcións de En Marea na cita electoral?

Creo que durante varios anos o proxecto de En Marea, como un espazo de encontro das sensibilidades comprometidas con Galiza e cunha axenda social de mudanza, que son a mesma cousa nun país periférico coma o noso, ten demostrado sólidos apoios electorais.

Imos a unhas eleccións cruciais para dar voz e voto á maioría social galega

 

Nós imos a unhas eleccións cruciais para dar voz e voto á maioría social galega nun escenario que dende o poder -o poder real, o feixe escaso de familias que o ostentan no Estado- tentará deseñarse como un momento de involución política. Nós temos completa confianza en que o pobo galego negará unha saída reaccionaria á actual situación no Estado e para iso escollerá En Marea. Fronte a uns partidos de réxime que queren converter Galiza na “España baleira” e marcala en propiedade nunha casilla, nós imos ao Congreso para defender a nosa casa."