Cs avanza que presentará candidaturas en perto dun centenar de concellos galegos

Cs avanza que presentará candidaturas en perto dun centenar de concellos galegos
Candidatos de Cs en Galiza nas xerais de 2016
Candidatos de Cs en Galiza nas xerais de 2016  Foto: Irene Pin

Ciudadanos continúa a ser unha incógnita no taboleiro galego. No estado ameaza o status do PP como primeira forza no espazo conservador. Na Galiza, en troca, o partido de Rivera ten todo por facer, cunha representación residual nos concellos (apenas 16 edís en todo o país). A escadra laranxa afirma estar agora en disposición de presentar candidaturas o 26 de maio "en case un centenar de concellos".


1.000 militantes coas cotas domiciliadas. Esa é a barreira organizativa que Ciudadanos asegura ter cruzado na Galiza, de acordo cunha nota de prensa enviada esta sexta feira aos meios.

"Grazas ao noso crecemento imparábel imos poder presentarnos en case un centenar de concellos galegos", afirma o secretario de Organización do partido laranxa na Galiza, Laureno Bermejo.

Neste momento a formación liderada por Albert Rivera disporía de agrupacións locais en até 90 municipios do país. A expansión organizativa de Cs traduciríase en que, alén das 1.000 persoas con recibos domiciliados, mantería unha base de simpatizantes que alcanzarían as 7 mil inscritas, sempre segundo fontes oficiais da organización.

Con todo, o Cs galego continúa moi distante do Cs español. Na Galiza, a marca laranxa ten unha intención de voto directa (segundo o CIS) de 7,1 por cento nunhas eleccións ao Congreso dos Deputados, o que representaría apenas a metade do volume electoral do PP (14,8 por cento). No conxunto do estado español, en troca, en resposta espontánea das persoas entrevistadas (sen ningún tipo de cociña nen pergunta sobre a maior ou menor simpatía), Ciudadanos estaría xa por riba do PP: 12,1 contra 10,2.



x