DPG2017

Cuíña fai un alegato a prol da unidade “de todos os que pensamos igual”

Cuíña fai un alegato a prol da unidade “de todos os que pensamos igual”
Rafa Cuíña, María Xosé Alfonso e José María Cazalis
Rafa Cuíña, María Xosé Alfonso e José María Cazalis  

Foi no mitin de Compromiso este Día da Patria Galega, decorrido esta terza feira no Parque Euxenio Granell de Compostela. O maior referente institucional do partido considera un “fracaso colectivo” a non celebración unitaria do Día da Patria Galega.


“Eu creo moito na unidade de todos os que pensamos igual”, afirmou perante militantes e simpatizantes o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, o maior activo eleitoral do partido neste momento. “A situación de hoxe, con 25 actos distintos de diferentes persoas e diferentes agrupacións, é a demostración do fracaso colectivo deste país”, dixo en relación á ausencia de unidade de convocatoria entre as distintas organizacións nacionalistas.

Screen Shot 2017-07-26 at 09.34.38Cuíña fixo un alegato expreso para deixar atrás a división: “Entre todos temos que traballar para mudar iso”, ao mesmo tempo que reiterou a súa lealdade co proxecto de Compromiso: “Comigo na miña modestia ides poder seguir contando até o último día. Lalín vai seguir sendo un elo importante neste grande proxecto de futuro que é Compromiso. Aí imos estar até o último día”.

Talvez como un aceno unitarista, Rafa Cuíña, alén de falar no acto de Compromiso, estivo tamén presente na manifestación do BNG, tal e como el propio patentiza no seu twitter:

 

No acto de CxG, tomaron tamén a palabra a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso; o senador do PNV; José María Cazalis, e, fechando o acto, o secretario xeral do partido, Juan Carlos Piñeiro.