O partido de Cuíña deslígase de CxG co PSdeG como opción preferente

O partido de Cuíña deslígase de CxG co PSdeG como opción preferente
Rafa Cuíña.
Rafa Cuíña.  Foto: X.M.
Esta semana a sección de Compromiso por Galicia en Lalín anunciou a súa escisión do partido matriz e a súa decisión de integrarse noutra forza galega. O ex alcalde de Lalín e coordinador da asemblea local, Rafa Cuíña, non confirmou aínda a escolla, mais fontes de CxG sinalan a marcha ao PSdeG.

Rafael Cuíña, quen foi membro fundador de Compromiso por Galicia (CxG) en 2012 vén de anunciar a escisión da rama local que lidera, Compromiso por Lalín (CxL), para sumarse a algunha das forzas de esquerda con representación no Parlamento galego. Se ben Cuíña non aclara aínda con cal, fontes de CxG informan a Sermos Galiza de que a marcha das lalinenses ao PSdeG “é un feito”.

Nunha conversa telefónica con Sermos Galiza, quen foi alcalde de Lalín entre 2015 e 2019 non aclara as preferencias da asemblea de CxL. Cuestionado polos medios galegos que o casan co PSdeG, responde que os socialistas son unha opción “que non nos desgusta”. “É dun dos partidos cos que mantemos unha excelente relación, como tamén co BNG ou mesmo con Anova”, declara. Mais as fontes próximas á que foi matriz da asemblea local confirman a elección dos primeiros.

Cuíña si explica que se manteñen desde hai tempo conversas con distintas formacións, pero que hai “moitos matices aínda que arranxar”. Destaca que para a asemblea local é fundamental que o partido escollido “teña matices importantes, sólidos e consolidados galeguistas”. “Antes que estar nunha formación que careza deles prefiro deixar a política”, afirma.

O fundamental, destaca Cuíña a Sermos, é “sumar para que o PP deixe de gobernar”. “É o noso primeiro obxectivo. Vivimos nun período de atomización política e temos que traballar en novas fórmulas para axudar nese sentido. Imos remar con quen queira estar tamén nese barco ou sumarnos a outros barcos, pero sempre en clave de país”, afirma.

Diferenzas de fondo

"Deixar CxG foi unha decisión unánime da asemblea local, composta por case cen persoas”, explica Cuíña a Sermos Galiza. “Desde hai tempo non nos gustaba a deriva do partido, non estamos de acordo con cuestións económicas ou relacionadas co funcionamento da organización”, matiza. A asemblea, como se sinalou esta semana, optou pola escisión antes das eleccións estatais do 10 de novembro, pero escolleron comunicala a posteriori. “Non queriamos que nada interferise no período electoral. Sinceramente, estaba moi ilusionado porque o BNG obtivese representación, como así foi”, afirma.

O propio Cuíña foi un dos impulsores de que CxG concorrese aos comicios estatais da man do BNG. “Dixen mil veces que é absolutamente necesario e penso que Compromiso debería continuar esta senda nas eleccións galegas”, afirma. Mais esta “cuestión puntual na que estamos de acordo”, como a cualifica, non abonda para arranxar as problemáticas de fondo da formación.