AS ELECCIÓNS A OLLOS DE.... LUZ DARRIBA

"Quen goberne en Lugo, sexa quen sexa, debería de contar máis coa xente da cultura"

"Quen goberne en Lugo, sexa quen sexa, debería de contar máis coa xente da cultura"
A artista Luz Darriba
A artista Luz Darriba  

A artista multidisciplinar Luz Darriba recoñece que le todos os programas electorais (“fíxeno nas xerais e vouno facer nestas municipais”) e lamenta que nas campañas electorais haxa sempre, afirma, dúas grandes ausencias: as mulleres e a cultura.


Que temas ou cuestións cre que deberían de tratarse en campaña electoral e que, porén, bota en falta?

É importante que nas campañas se trate, se debata, sobre todo aquelo que afecta as persoas. Eu hai dúas cousas que boto de menos, que considero que non se fala delas, non tiveron cabida nas eleccións xerais e até o de agora tampouco parece que o teña nestas: as mulleres e a cultura. Escoito falar de promesas, de facer isto naquela rúa, de facer aquilo naquela outra... mais debería de falarse máis da muller e de cultura. Na política municipal poden facerse cousas importanttes nestes dous campos.

Segue con interese esta campaña?

Claro. Aféctanos a todos e a todas, vainos moito nas eleccións. Nas xerais linme todos os programas electorais e penso facelo tamén nas municipais. Veño dun país [Arxentina] onde estas cuestións son moi importantes (ri).

Unha cousa que considere que debería facerse en Lugo e que entende que non se fai?

Penso, e así o propuxen moitas veces, que quen estea no goberno municipal debería contar máis coa xente da cultura. É importante para todo, para a propia cidade e veciñanza, para poñela en valor, mesmo para o turismo... A cultura é imprescindíbel para unha cidade e creo que iso é máis aínda en Lugo, que ten un acervo cultural tan importante e tan grande e que hai que poñer en valor.