PIDE UNHA LEI GALEGA

CxG propón levar ao Parlamento os casos de maltrato ás persoas da terceira idade

CxG propón levar ao Parlamento os casos de maltrato ás persoas da terceira idade

Hai unha violencia que apenas se denuncia, a que sofren as persoas idosas "no eido intrafamiliar" e en ocasións a mans das súas coidadoras. Así o cre Compromiso por Galicia, formación política que tenciona levar unha lei sobre este asunto ao Pazo do Hórreo.


As persoas que transitan xa pola terceira idade non só baten cos problemas da "exclusión social e a marxinalidade", senón que con frecuencia sofren agresións, entende Compromiso por Galicia.

Formación política extraparlamentar, anuncia a presentación na cámara galega dunha iniciativa contra o maltrato ás vellas e aos vellos "para que a Mesa da Cámara a tome en consideración", di a organización galeguista por medio dun comunicado de imprensa.

"Desde a Organización Mundial da Saúde apuntan á necesidade de lexislar sobre o maltrato ás persoas maiores xa que é un problema de saúde pública e da sociedade" , afirma o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro.

Para Compromiso, unha vez que o Parlamento lexisle sobre o asunto, a Xunta debería fornecer os recursos necesarios para paliar un problema social detectado "polos profesionais de atención primaria", facultativos que, argúe a formación galeguista, "aínda que contan cunha guía de boas prácticas non teñen da súa man os medios legais para actuar sobre estes casos".



x