DEBATE DO ESTADO DA NACIÓN

Do concerto económico á gratuidade do AP-9 : 160 propostas de resolución que dan para moito

Do concerto económico á gratuidade do AP-9 : 160 propostas de resolución que dan para moito
Reunión da Mesa do Parlamento para cualificar as propostas de resolución presentadas polos grupos parlamentarios no marco do debate de política xeral
Reunión da Mesa do Parlamento para cualificar as propostas de resolución presentadas polos grupos parlamentarios no marco do debate de política xeral  

As catro formacións con representación parlamentar deron a coñecer esta cuarta feira as iniciativas rexistradas no marco do debate de política xeral no Parlamento de Galiza.


PP

 As 40 propostas de resolución presentadas polo PP neste debate do estado da Nación  agrúpanse en cinco bloques: economía e emprego, sectores produtivos, políticas de benestar, infraestruturas e un grupo de temática institucional.

Entre as iniciativas, os populares piden reforzar o papel de representación territorial do Estado e facilitar a localización de vítimas do franquismo. Tamén inclúen unha iniciativa para condenar "o abuso das prerrogativas parlamentarias" que ser deputado, afirman, fai o portavoz de En Marea, Luís Villares, e a deputada Paula Quinteiro.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, puxo en valor o discurso ofrecido por Núñez Feijóo "absolutamente centrado na mellora de Galiza" fronte a unha oposición "sen ideas, sen rigor e sen proxecto ".

En Marea

Antón Sánchez foi o encarregado de presentar as 40 propostas de resolucións de En Marea, centradas en cuestións como “bilndar” os servizos públicos. Unha listaxe na que se tocan diversos temas, desde as infraestruturas e o combate á precariedade até a defensa do dereito a decidir. Entre as iniciativas,  salientar a que insta a Xunta a un “cambio radical” na política laboral para combater a precariedade ou a que pide promover mecanismos para permitir “o dereito a decidir” ao tempo que avoga pola “liberdade das persoas presas por defender lexitimamente as súas conviccións políticas”.

O establecemento dun sistema de renda mínima “eficaz e inclusivo”, a blindaxe do sistema público de sanidade ou promover un maior compromiso e investimento en I+D+i son outras das propostas presentadas desde En Marea, así como unha que demanda unha “AP-9 galega e 100% pública”.

O cambio na política lingüistica, a defensa dun sistema de ferrocarril acaído ao país, a derrogación da Lei de iniciativas empresarias ou o apoio á pesca artesanal centraron outras das iniciativas presentadas polo grupo dirixido por Luis Villares.  

Antón Sánchez tamén destacou a situación do rural e a necesidade de implementar un modelo que free o despoboamento, o avellentamento e a perda de superficie agraria que este sufre

PSdeG

A viceportavoz socialista, Patricia Vilán, presentou as 40 propostas de resolución que o PSdeG formula no debate do estado da Nación e que procuran, dixo “conectar coa realidade do país”. Así, reclamou a proposta para reforzar o emprego en Galiza, reivindicando o impulso do diálogo social para consensuar medidas de recuperación das condicións de traballo.

O PSdeG tamén propón impulsar medidas para “recuperar a forza dos servizos públicos”. Neste sentido, reclaman un mínimo de 20 centros de saúde no horizonte de 2020, para o que piden un investimento mínimo de 10 millóns de euros.

Abrir ás visitas gratuítas o Pórtico da Gloria e os demais monumentos declarados BIC titularidade da Igrexa conforman  outras das resolucións propostas desde as filas socialistas

BNG

Ana Pontón e Olalla Rodil, portavoz e viceportavoz do BNG, presentaron as propostas de resolución dos nacionalistas neste debate do estado da Nación, un total de 40, que tratan desde reverter os recortes até mercar o cadro ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao.  Propostas estruturadas en varios bloques e que teñen como eixo que Galiza conte con “máis poder político e benestar social”. Apostar nun novo modelo de financiamento, -concerto económico-,  e abrir nunha ponencia parlamentar para avanzar no autogoberno real son algunhas das medidas propostas

En materia de benestar social reclámanse os 186 millóns de euros que debe o Estado en dependencia, incrementar as pensións máis baixas en 100 euros mensuais e un salario de inserción laboral equivalente o SMI. Tamén se propón destinar 2,5% do PIB ata o ano 2020 para poñer Galiza “na senda da innovación e unha  política industrial contra as deslocalizacións de empresas”

En  relación á calidade democrática, os nacionalistas propoñen avanzar na recuperación dos dereitos laborais, conseguir unha radio e televisión públicas de todos e todas, “para que deixe de ser o aparello de propaganda do PP”, e traballar na aplicación da memoria histórica, incluída a recuperación do Pazo de Meirás.



x