VALORACIÓNS DAS ORGANIZACIÓNS POLÍTICAS NA GALIZA DA REPETICIÓN ELECTORAL

Da indignación á vertixe pre-electoral

Da indignación á vertixe pre-electoral
[Imaxe: Distrito Xermar] Colexio electoral.
[Imaxe: Distrito Xermar] Colexio electoral.  
Reparto de culpas, Sánchez leva máis. Algunhas das principais líderes políticas galegas comparten a indignación da cidadanía coa repetición das eleccións mentres se preparan para a inminente campaña. 

O fracaso das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez e a próxima convocatoria de eleccións no Estado non colleron por sorpresa aos líderes políticos galegos. O presidente Feixoo, estes días en viaxe oficial na Arxentina, pronunciouse a través da súa conta en Twitter. En castelán e sinalando directamente Pedro Sánchez: “ten o que sempre perseguiu. A súa irresponsabilidade condúcenos ás cuartas eleccións en catro anos e a campaña xa arrancou na Moncloa. Literalmente. A política e as institucións teñen que recuperar o seu creto”.

Ana Pontón: “Fracaso das forzas estatais; o BNG garante seriedade na política”

“O 10N van recibir nas urnas o que se merecen porque a maioría da cidadanía galega tomou nota da inutilidade das forzas estatais“, vaticinou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. “O fracaso na formación do goberno do Estado constata a inutilidade e a incompetencia das forzas estatais. Sánchez, Casado, Iglesias e Rivera demostraron que lles importa un pito os problemas de Galiza, son líderes máis preocupados polos seus egos que polos asuntos da cidadanía”.

Pontón insistiu en que o BNG está “preparado para a campaña” e vai ir “a por todas” para converter o 10N nunha oportunidade de colocar Galiza na axenda do Estado. “O BNG, garante a defensa da Galiza e garante tamén seriedade na política, algo que bota de menos a maioría social”.

Gonzalo Caballero: “Oportunidade para reafirmar ao PSOE cun apoio máis forte e máis amplo”

O líder do PSdeG abordou esa cuestión na rolda de prensa que ofreceu esta cuarta feira. Caballero reproduciu os argumentos expresados o día antes por Pedro Sánchez e falou de “bloqueo” e reclamou da cidadanía que “volva reafirmar nesta especie de segunda volta o PSOE cun apoio máis forte e máis amplo”. Non teme Caballero que o resultado das negociacións vaia pasarlle factura aos socialistas na convocatoria de novembro e convida a que na campaña “non se fale de pasado, senón de futuro”.

O secretario xeral do PSdeG considera que “España e Galiza necesitan un proxecto de avance social que ademais free a posibilidade dun goberno das tres dereitas”, e lembra que nestes últimos dous anos o PSOE no Goberno do Estado “traballou” nesa liña de “progreso” e “xustiza social”.

Luca Chao: “Que fará o PSdeG aquí?”

A portavoz do Grupo Común da Esquerda falou no Parlamento de “irresponsabilidade” do PSOE e do temor a que unhas novas eleccións lle abran a porta “a un goberno das tres dereitas”. Chao reiterou que “a cidadanía xa falou claro en abril e apostou por un goberno de progreso”.  Respecto ás expectativas en Galiza, a deputada de Podemos dixo que “todo o mundo sabe que a alternativa a Feixoo pasa por un acordo do PSdeG co espazo de progreso, e hai que preguntarlle ao PSdeG que faría, se faría o mesmo que vén de facer Pedro Sánchez en Madrid”.

A líder de Esquerda Unida na Galiza, Eva Solla, cualificou como “irresponsábel” a decisión de Pedro Sánchez de camiñar “cara a un goberno socioliberal”, e “coma sempre, quen perde é o pobo”, dixo. Solla avisa que o voto útil fronte a dereita non está no PSOE e pensa que na campaña electoral “haberá que explicar que é o voto útil e que o voto útil está a esquerda do PSOE para non caer de novo na trampa”.

Luís Villares: “O voto útil rematou por ser inútil”

Pola súa parte, o voceiro de En Marea valorou a convocatoria electoral como unha “absoluta irresponsabilidade daquelas forzas da esquerda que recibiron o encargo de parar ao ‘trifachito’ das dereitas e establecer unha maioría de progreso. O que comezou voto útil rematou por ser un voto inútil pola súa incapacidade para chegar a acordos pensando no interese xeral”.