O Comité de CRTVG esixe á dirección emitir o debate electoral do 10N en 'prime time'

O Comité de CRTVG esixe á dirección emitir o debate electoral do 10N en 'prime time'
Debate electoral do 28 de abril [Imaxe: TVG]
Debate electoral do 28 de abril [Imaxe: TVG]  

Considera “preocupante” a decisión de emitilo en horario matinal. “A encomenda de servizo público que ten atribuída a Corporación de Radio e Televisión de Galicia é incompatíbel coa decisión adoptada pola dirección de agochar a confrontación de ideas políticas nun horario inadecuado para a maioría dos galegos e as galegas, ás 10 da mañá, nun formato reducido dunha hora de duración", indica.


O Comité de empresa da CRTVG considera “preocupante” a decisión da dirección de emitir o debate electoral entre os candidatos e candidatas dos partidos galegos ás eleccións xerais do 10N en horario matinal. A representación dos traballadores e traballadoras urxe á dirección a mudar a decisión e ofrecelo en horario de máxima audiencia. “A sociedade galega ten dereito a informarse directamente das propostas que realicen os partidos máis significativos a través dos medios de comunicación de titularidade pública.  É a súa obriga como garantes da formación dunha opinión pública plural”.  

O dereito a recibir información veraz forma parte fundamental dos piares que conforman unha sociedade democrática e diversa como é a galega, indican desde o comité. “A encomenda de servizo público que ten atribuída a Corporación de Radio e Televisión de Galicia é incompatíbel coa decisión adoptada pola dirección de agochar a confrontación de ideas políticas nun horario inaxeitado para a maioría dos galegos e as galegas, ás 10 da mañá, nun formato reducido dunha hora de duración e dentro de programas como o Bos Días (TVG) ou o Galicia por diante (RG)”.

O comité reitera o compromiso dos traballadores e traballadoras da CRTVG co respecto “á pluralidade da sociedade galega que debe reflectirse en todas as emisións, en especial durante os procesos electorais”.