O debate sobre o estado da nación remata sen grandes acordos

O debate sobre o estado da nación remata sen grandes acordos

O PP rexeita a práctica totalidade das propostas achegadas pola oposición que critica o seu discurso "triunfalista". 


Sen novidades. Así rematou a sesión parlamentar de debate sobre o estado da nación. Após tres xornadas maratonianas esta sexta feira procedeuse á defensa e votación das propostas de resolución --40 por grupo. Porén, a forza maioritaria chegaba unicamente con dúas transaccións acordadas co Grupo Mixto, unha delas referidas ao futuro do sector leiteiro e outra á creación, en 2016, da área metropolitana de Vigo. 

Para alén destas, o grupo maioritario da Cámara apoiou só 10 propostas das 120 presentadas pola oposición, nun debate marcado polas críticas lanzadas desde BNG, AGE e PSdeG ao discurso "triunfalista" e o "electoralismo", dixeron, do Partido Popular. 

E é que o PP só apoiou 4 propostas de resolución do PSOE , 3 do Grupo Mixto, 2 de AGE e 1 do BNG. Mais rexeitou a creación de comisións de investigación sobre o Hospital de Vigo e o sinistro de Angrois, resolución na que o grupo socialista se abstivo. 

Neste senso, a deputada do BNG, Ana Pontón acusou o executivo de Núñez Feijóo de ter "o mérito" de "malvender a Galiza" e facela "máis pequena" ao longo dun "sexenio negro de recortes". Polo que defendeu as propostas da organización frontista como unha "alternativa" de goberno.

Ana Pontón (BNG): "Ten vostede o mérito de malvender Galiza" 

Pola súa banda, a vice-voceira de AGE, Yolanda Díaz avanzou que a "festa" de Feijóo e do Partido Popular "remata" coma "no Gran Gatsby" ao tempo que describíu un país "pobre", "máis endebedado" e "máis precario" desde que gobernan na Xunta. 

Tamén o PSOE criticou a xestión de goberno do Partido Popular e mesmo aproveitou a quenda de intervención para presentar a súa disposición a "liderar o proxecto de cambio cando chegue o momento" en referencia ás eleccións ás Cortes españolas previstas para decembro. 

Yolanda Díaz (AGE): "Como no Gran Gatsby a súa festa rematou"

O PP e a 'recuperación económica'

Os servizos públicos, nomeadamente a sanidade e o novo hospital de Vigo; o emprego, o sector naval, o agro e a violencia machista, centraron o discurso das portavoces dos grupos da opocisión que foron rebatidas por Marta Rodríguez Arias en nome do Partido Popular. 

A deputada afanouse en debullar polo miúdo as cifras orzamentarias destinadas polo executivo galego aos servizos sociais como a Renda de inserción social ou o Plan de emprego xuvenil. Feitos nos que sustentou o discurso de "recuperación" económica que mantén o Partido Popular e que din, debe chegar agora "a todas as casas" de Galiza. 

Marta Rodríguez (PP): "Estamos deixando atrás a crise", "estamos mellor que hai un ano"

"Hoxe estamos mellor que hai un ano", sinalou Rodríguez Arias, "poden retorcer as cifras o que queiran". "Estamos deixando atrás a crise e pouco a pouco consolídade a recuperación", acrecentou entre os apupos da oposición. 

Perante as voces que pronostican o "fin de ciclo", desde o Partido Popular sacan peito e afirman que a oposición "erra" e "non é a primeira vez". "Os grupos da oposición pronostivaron o fin da era Feijóo en 2012 e sete meses despois o PP gañou as eleccións e ampliou a súa maioría", sentención Rodríguez Arias.