ELECCIÓNS XERAIS

A crise industrial e os orzamentos centran o debate na TVG

A crise industrial e os orzamentos centran o debate na TVG
Debate Xerais28A [Imaxe:TVG]
Debate Xerais28A [Imaxe:TVG]  

Candidatas e candidatos que compiten polos escanos de Galiza debateron esta terza feira no plató da TVG sobre as eleccións xerais. O debate emitiuse nunha hora de baixa audiencia a pesar do interese mediático que suscita a campaña electoral.


Representantes das forzas políticas déronse cita esta terza feira no debate das eleccións xerais emitido pola TVG. A pesar do interese social e mediático que suscita esta campaña electoral, a televisión  galega emitiuno ás 10 de mañá, un horario de baixa audiencia. Así o puxo de relevo na súa quenda Néstor Rego, candidato do BNG pola Coruña, quen explicitou ademais o seu apoio ás traballadoras e traballadores da CRTVG; ao igual que tamén fixeron Iván Olmos, candidato de En Marea por Ourense, e a candidata de En Común-Unidas Podemos por Pontevedra, Yolanda Díaz.

O debate arrincouno Marta González, líder do PP pola Coruña, debullando dous camiños a escoller no 28A, “ou a senda constitucional que nos levou ao progreso”, representada polo Partido Popular, “ou a vía que pon en perigo España”. Dous modelos tamén contrapuxo Pablo Arangüena, candidato número 2 do PSOE pola Coruña, referíndose ao posíbel pacto das tres dereitas fronte “á axenda social de Pedro Sánachez, coa que lle vai ben a Galiza, porque aquí temos máis pensionistas, máis dependentes e máis persoas con salario mínimo”, afirmou. Yolanda Díaz, alertou pola súa banda, sobre a necesidade de superar a precariedade laboral que afecta a maioría das galegas e galegos, e puxo o foco na corrupción. O candidato de En Marea apelou a enfrontar o problema da emigración xuvenil e o despoboamento no rural.

“Se 10 minutos de silencio son unha eternidade en televisión, imaxínense así 4 anos”, sinalou Rego

Cando o moderador deu a palabra ao candidato do BNG, Rego ficou en silencio ollando a cámara, para despois convidar o público espectador a pensar en “se estes dez segundos de silencio pareceron unha eternidade, imaxínense os catro anos en que Galiza non tivo voz”.

Apelou así á oportunidade para Galiza de contar con representantes do BNG “determinantes para facer avanzar Galiza”, nun contexto ademais que se prevé sen maiorías absolutas. “Ninguén mellor que as galegas e galegos sabemos o que precisamos”, salientou o número 1 do Bloque pola Coruña, que reivindicou o voto útil no plano nacional, no social e nos avances democráticos.

Política industrial: do estatuto de electrointensivas á tarifa eléctrica galega

A candidata do PP responsabilizou o goberno de Sánchez das problemáticas polas que está a pasar o sector da automoción, Navantia, Ferroatlántica... e reivindicou unha transición enerxética sostíbel e que manteña os postos de traballo; ao que Arangüena respostou cos datos de orzamentos destinados pola Xunta ao Igape (140 millóns de euros, 1,5% do orzamento, segundo denunciou). Trouxo ao debate ademais, o estatuto das empresas electrointensivas que o goberno español está a tramitar e co que asegura, “vai dar un marco de competitividade, estabilidade, e seguridade xurídica ás electrointensivas”.

A deputada Yolanda Díaz puxo de relevo que se perderon 50 mil empregos industriais pola crise e recriminou que “os constitucionalistas só queren o artigo 135.3”. Esixiu que o goberno teña as mans libres para non estar “collido” por empresas como “Iberdorla e Endesa”. Nese sentido, fixo fincapé na necesidade dunha banca pública para poder camiñar cara ao desenvolvemento industrial.

O candidato do BNG marcou como prioritario promover o desenvolvemento industrial de Galiza e “asegurar os postos de traballo en perigo”, e defendeu “unha tarifa eléctrica galega”, xa que, como denunciou, “a pesar de producirmos, pagamos a factura máis cara do Estado”. Nese sentido recriminou ás deputadas e deputados do PSdeG, En Marea e Podemos “non ter feito o suficiente”, en relación á Deputacion permanente do Congreso “nas que o seus votos eran decisivos, como era o do deputado vasco que saíu con 4 transferencias novas”, afirmou.

“Alí había 4 deputadas e deputados por Galiza que repiten agora nas listas, e saíron sen nada”, e asegurou Rego que “se alí houbese unha persoa do BNG, tería logrado como mínimo a tarifa eléctrica galega e a transferencia da AP9”.

“A prórroga de Ence roza a prevaricación”, afirmou Arangüena

Á pregunta do moderador sobre a continuidade de Ence, o candidato do PSOE afirmou que se trata dunha problemática máis xurídica que política, porque a cuestión está en “desde cando se conta a prórroga”, poñendo en cuestión a que concedeu Raxoi en funcións por 60 anos, un feito que cualificou de “bordear a prevaricación”.

Desde o PP afirmouse que “as accións de Ence están caendo en picado” e Rego retrucou que este complexo debe saír da ría de Pontevedra canto antes.

Que orzamentos precisa Galiza?

En relación ao debate orzamentario, o representante do PSOE defendeu as contas de Sánchez. Aínda recoñecendo que as partidas en investimento baixaban respecto ás anteriores, afirmou que “se trataba dos orzamentos máis sociais da década”. Yolanda Díaz puxo en valor o papel da súa formación en conseguir os avances que figuraban no orzamentos, e chamou a non confundirse votando o PSOE. Alertou da posibilidade dun goberno de Sánchez con Rivera de vicepresidente.

“Os orzamentos de 2019 eran unha desgraza para Galiza”, denunciou Olmos

Olmos afirmou que, para En Marea, os orzamentos de 2019 “eran unha desgraza para Galiza” e reivindicou a coherencia do seu proxecto co país votando en contra deles.

Néstor Rego tirou de ironía e preguntou se “Somos tan pobres que temos que escoller ou orzamentos sociais ou investimento?” e puxo de relevo as necesidades de Galiza en investimentos como os ferroviarios ou a rexeneración das rías.

O PP non fala de pactos e o PSOE amósase aberto a pactos puntuais con todas as forzas

Á pregunta sobre os pactos postelectorais, o PP preferiu non respostar, argumentando que sae a gañar e non quere falar de pactos até despois das eleccións.

O PSOE reivindicouse flexíbel para chegar a acordos, e puxo o exemplo dos orzamentos con Unidos-Podemos-En Común-En Marea e o alcanzado co 155 no Senado.

En Marea afirmou que nunca vai permitir que gobernen as dereitas, e afirmou que se diferencian do BNG en que “En Marea si quere participar da gobernabilidade do Estado”.

Desde o BNG defenden que os seus deputados e deputadas “falarán, negociarán e acordarán sobre as propostas de Galiza, sen entregar cheques en branco”.

Debate cruzado: por unha banda Catalunya, por outra os problemas de Galiza

“Este marco non serve”, afirmou o candidato do BNG, pois “o modelo autonómico non está dando solucións aos nosos problemas e Galiza non avanza” e fixo referencia á crise demográfica, industrial, á emigración, para o que pediu o voto ao BNG “xa que ninguén sabe mellor que as galegas e galegos o que nos afecta e cales son as solucións que precisamos”.

Mentres, a candidata do PP preferiu culpar o PSOE de pactar co nacionalismo catalán e vasco e de presionar a avogacía do Estado para rebaixar a pena ás presas e preso políticos cataláns.

Enquisa de Sermos

Quen cres que gañou o debate electoral retransmitido pola TVG? Participa na enquisa de Sermos Galiza.