AS ELECCIÓNS A OLLOS DE...  XOSÉ LOIS, O CARRABOUXO

"Deberiamos ter en Ourense un centro de interpretación do Grupo Nós que fose referencia cultural"

"Deberiamos ter en Ourense un centro de interpretación do Grupo Nós que fose referencia cultural"
Xosé Lois e o Carrabouxo
Xosé Lois e o Carrabouxo  SG

As necesidades e fortalezas do concello de Ourense son ben coñecidas por Xosé Lois González. O ourensán creador do Carrabouxo e comprometido con cen mil causas xustas na Galiza salienta cales son as prioridades da cidade das Burgas e os retos do país perante os comicios europeos.  


Cales son as fortalezas do concello de Ourense?

En Ourense temos o tópico da riqueza termal, mais ao tempo contamos cun proxecto de hotel balneario que non ve a realidade e é unha eterna promesa. Outro ben noso son os tres ríos e sabemos moito da importancia que a auga ten na Galiza. Lembremos a relevancia que tivo o deterioro do río para que o pobo fixese a revolta de Allariz ou o que significou a rexeneración da ría para a transformación de Pontevedra.

Ademais, Ourense foi a capital do grupo Nós, onde se substanciou o xerme do nacionalismo moderno. Deberiamos contar cun centro de interpretación de Nós que fose referencia cultural, e non o centro cultural actual que temos na cidade e que se chama La Molinera en lugar da Muiñeira.

Que urxencias ten a cidade?

As beirarrúas están en mal estado e son un perigo para as persoas e hai múltiples barrios sen conexións de transporte nin prazas de aparcadoiro suficientes. E logo está o famoso PXOU, con anos e anos sen resultar aprobado. Agora o PP sacouno adiante por decreto pero non vai ter aprobación definitiva.

Que lle pediría ás vindeiras persoas que representen a Galiza no Parlamento Europeo?

Que paren os plans que afectan a nosa economía. As denominacións de orixe son importantísimas para nós e queren eliminalas. Tamén, por suposto, que se resolva o caso das vítimas do Alvia. Nesta loita foi importante o traballo da eurodeputada do BNG Ana Miranda e as vítimas merecen toda a xustiza. Se non conseguimos xustiza estariamos ante unha aldraxe terríbel. Hai responsabilidades políticas que deben investigarse.

Pediría tamén respecto á soberanía dos pobo. A reacción da UE con Catalunya estivo arrexuntada ás posicións dos reaccionarios en contra da soberanía catalá. Hai que superar ese modelo de Europa.