A defensa de Causa Galiza pide o sobreseimento e arquivo do proceso aberto na AN contra a organización

A defensa de Causa Galiza pide o sobreseimento e arquivo do proceso aberto na AN contra a organización
Imaxe: GZfoto
Imaxe: GZfoto  

Salva Gómes, detido na operación 'Jaro', declarou esta cuarta feira perante a xuíza e denuncia unha “causa política”.


A defensa de Causa Galiza pedirá o sobreseimento e arquivo da causa aberta na Audiencia Nacional contra a organización independentista. Así o manifestou Manuel Chao, letrado da defensa, que anunciou que "de inmediato" cursarán a petición de arquivo e sobreseimento, porque, dixo, "é un disparate pensar que se non hai nin sequera unha organización armada poida haber unha organización política que a apoia".

Chao fixo estas declaracións a raíz da comparencia peranate a xuíza de Salva Gómes, o que faltaba por declarar de entre os 9 militantes de Causa Galiza detidos na 'Operación Jaro' . O seu delicado estado de saúde fixo que non fose trasladado a Madrid naquel operativo para declarar perante a Audiencia Nacional. Gómez fíxoo esta cuarta feira en Vigo perante a xuíza. Segundo recollen as axencias, perante de entrar no xulgado o independentista denunciou que a causa aberta pola AN contra Causa Galiza é “política”. Defendeu a actividade pública e política da organización independentista e situou o operativo policial no marco da represión do independentismo.

Segunda feira, novas declaracións

O membro da Mesa Nacional de Causa Galiza, Joam Peres, foi citado para o 8 de febreiro, vindeira segunda-feira, na Audiencia Nacional no marco da causa aberta contra esta organización. A citación coincide, en día e hora, en que se realizará a comparecencia (en principio prevista para o día 10) que resolverá sobre o estatus de Causa Galiza. Cómpre lembrar que a Audiencia Nacional anulou a decisión do xuíz Eloy Velasco de suspender as actividades de Causa Galiza. A defensa presentara o recurso por entender que o xuíz incorrera nunha vulneración de dereitos fundamentais ao declarar a suspensión de actividades de Causa Galiza sen escoitar antes a Causa Galiza. Ese proceder é unha vulneración do establecido na propia Lei de enxuizamento criminal.

Solidariedade

De por parte, os independentistas encausados na 'Operación Jaro' emprazan os diferentes axentes políticos e sociais a se posicionar sobre o proceso de "ilegalización de facto" de Causa Galiza. Así, solicitan de organizacións, asociacións e colectivos pronunciamentos e declaracións públicas pedindo a paralziación do proceso aberto na AN contra Causa Galiza e a defensa "da plenitude de dereitos civís e políticos".