PATRIMONIO

A Deputación de Pontevedra acudirá aos tribunais para que a Xunta rehabilite o Pazo de Lourizán

A Deputación de Pontevedra acudirá aos tribunais para que a Xunta rehabilite o Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán  

Por medio da interposición dun recurso contencioso-administrativo a Deputación de Pontevedra esixirá á Xunta de Galiza “que cumpra coas súas obrigas" e leve adiante os traballos de conservación do Pazo de Lourizán, co obxectivo de recuperar este elemento do patrimonio histórico e arquitectónico para a cidadanía e evitar danos derivados do mal estado en que se atopa e que podería rematar nun incendio.


O emblemático Pazo de Lourizán de Pontevedra acabará nos tribunais debido á aprobación no pleno da deputación desta sexta feira 26 de xullo da apresentación dun recurso contencioso-administrativo para esixir á Xunta de Galiza que se faga cargo da rehabilitación do edificio señorial e “cumpra así coas súas obrigas”.

César Mosquera, acusou á Xunta de pretender unha "manobra" para "privatizar" as instalacións a través da empresa Ence

Desta maneira, o goberno da deputación criticou o "silencio" da Xunta aos seus catro requirimentos enviados e espera que este recurso "poña fin ao desprezo" á riqueza histórica e artística que entraña o edificio así como á "cidadanía, que ve frustradas as súas expectativas de gozar dese patrimonio histórico e arquitectónico", sinalouse no pleno por parte do voceiro do PSdeG, Carlos López Font, quen tamén cualificou de “incomprensíbel” a actitude tanto da Xunta como das e dos deputados provinciais do PP por votaren contra da iniciativa.

O edificio está actualmente baixo a titularidade da deputación mais a súa restauración e conservación depende da Xunta, pois o convenio para Lourizán, no que están Xunta e deputación, figura entre as obrigas da Consellaríaa de Medio Ambiente desenvolver na leira un proxecto ambiental que inclúa a investigación da xestión sustentábel do monte e tamén "efectuar obras de conservación necesarias na zona nobre.

O vicepresidente da institución provincial, o nacionalista César Mosquera, acusou á Xunta de pretender unha "manobra" para "privatizar" as instalacións a través da empresa Ence. De feito, no ano 2017 o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo interceder a favor de Ence diante da deputación, trasladando a proposta da empresa contaminante de investir 10 millóns de euros no Pazo de Lourizán para rehabilitación e instalar un centro de investigación forestal. Daquelas, desde a Deputación amosaran o seu apoio a un centro de investigación nas instalacións, mais sempre que este fose da Xunta e non de Ence.

O recurso contencioso-administrativo é o resultado da moción aprobada en marzo de 2019

O recurso contencioso-administrativo é o resultado da moción aprobada en marzo de 2019 instando á Xunta a cumprir o convenio subscrito en xaneiro de 1991 e modificado en xaneiro de 2000 cedendo a leira, os seus edificios, instalacións e plantacións. A moción valoraba "estudar medidas legais para velar pola protección do patrimonio da provincia" e o último requirimento formal enviado á Xunta por parte da deputación foi en maio de 2019.