XORNADAS DE DEBATE

O dereito a decidir como reivindicación actual na UE

O dereito a decidir como reivindicación actual na UE

A Fundación Galiza Sempre, en colaboración coa Coppieters Foundation e a Fundación Moncho Reboiras, organizaron na mañá do sábado as xornadas Articulación dos dereitos dos pobos de Europa no proceso de construción da Unión Europea” sobre a UE como unha construción de Estados e non dos pobos. Conversamos ao respecto con Francisco Jorquera, presidente da fundación.


A Coruña acolleu na mañá deste sábado as xornadas “Articulación dos dereitos dos pobos de Europa no proceso de construción da Unión Europea”, organizadas pola Fundación Galiza Sempre en colaboración coa Coppieters Foundation e a Fundación Moncho Reboiras. Un acto en que a análise, a reflexión e o debate foron protagonistas en relación a unha cuestión tan básica como actual: a importancia que ten en Europa a reivindicación do dereito a decidir dos pobos que a conforman.

Albert Noguera afirmou que a construción da UE non se fixo para recoñecer os dereitos nacionais e sociais dos pobos, senón para favorecer o proceso de acumulación capitalista

En conversa con Sermos Galiza, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Francisco Jorquera, pon de manifesto que se analizaron os dereitos nacionais dos distintos pobos de Europa, o proceso de construción da UE e a situación dos seus Estados membros. Após a presentación por parte de Jorquera e da eurodeputada do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, foi a quenda do catalán Albert Noguera, quen, como profesor de Dereito Constitucional na Universitat de Valencia, disertou sobre a UE como clube de Estados. Afirmou que o proceso de construción da UE non se fixo para recoñecer os dereitos nacionais e sociais dos pobos, senón para favorecer o proceso de acumulación capitalista a costa dos dereitos sociais e colectivos dos pobos. “Foi un relatorio moi ben argumentado que deu lugar a un coloquio moi rico”, expón Jorquera.

Tamén interveu Miquel Bodlore- Penlaez, activista bretón e experto en minorías nacionais, autor do Atlas das Nacións sen Estado de Europa, quen explicou a evolución das reivindicacións nacionais en Europa ao longo do século XX e até hoxe, así como as súas ricas raíces.

A última palestra, a cargo de Encarna Otero, historiadora e política nacionalista e Luis Gonçales Blasco (“Foz”), que tivo un papel destacado, en 1972, na sinatura da Carta de Brest entre organización soberanistas galegas, vascas e irlandesas, tratou a defensa dos dereitos nacionais de Galiza no contexto europeo, así como as experiencias recentes. Centráronse, nomeadamente, na Carta de Brest, subscrita nos setenta por distintas organizacións nacionalistas, entre elas, lembra Jorquera, pola Unión do Povo Galego. Completouse esta última intervención cunha explicación do labor que desenvolveu a Conferencia de Nacións sen Estado de Europa, da que o BNG, salienta o nacionalista, foi unha das promotoras.

Estas xornadas tiveron lugar no marco dos Encontros Internacionais Dereitos dos Pobos de Europa. Trátase do segundo debate dun total de catro actos que se celebrarán ao longo do presente ano entre Compostela e Coruña. O seguinte será no marco do Día da Patria Galega, no espazo do Festigal e concluirase no último trimestre cunhas xornadas con representantes sindicais de nacións sen Estado nas que se analizará o papel da defensa de espazos de soberanía como dique contra a ditadura do mercado.

Deslexitimación das reivindicacións nacionalistas

Jorquera: "O dereito de autoderminación foi un dos principios fundacionais da Organización das Nacións Unidas e rexeu a configuración do mapa mundial europeo"

En declaracións a este medio, Francisco Jorquera subliña que lle resultan sorprendentes “afirmacións que se fan en ámbitos presuntamente académicos para deslexitimar as reivindicacións nacionalistas e que falan de que o dereito de autodeterminación está concibido para a descolonización das colonias clásicas, cando o dereito de autoderminación foi un dos principios fundacionais da Organización das Nacións Unidas e rexeu a configuración do mapa mundial europeo após a primeira e a segunda guerra mundial".

“Tamén me sorprendo cando escoito discursos que din que nun mundo internacionalizado e globalizado a defensa do dereito a decidir non ten sentido”, agrega, “precisamente nun mundo cada vez máis internacionalizado, a defensa do dereito a decidir cobra máis sentido que nunca porque nun contexto así o pobo, se non ten capacidade de decisión, carece dos instrumentos para interactuar nese mundo sen ser anulado e cobra máis sentido que nunca para ter incidencia en beneficio propio nun mundo onde cada vez hai máis decisións que escapan ás instancias políticas democráticas”.

"A reivindicación do dereito a decidir é fundamental para o exercicio da democracia real"

“A reivindicación do dereito a decidir é fundamental para o exercicio da democracia real, para dotar de ferramentas que permiten á cidadanía exercer control real sobre asuntos públicos e para ter mecanismos para garantir o seu benestar colectivo”, conclúe Jorquera.



x