ESPIMOS OS PROGRAMAS ELECTORAIS

Derrogar a LOMCE ou ter como materia Constitución Española?

Derrogar a LOMCE ou ter como materia Constitución Española?

PSOE, En Común-Unidas Podemos, En Marea, BNG e Compromiso por Galicia apostan en derrogar a polémica LOMCE, mentres que Ciudadanos avoga en estabelecer como materia obrigatoria no ensino Constitución Española. Así son as propostas en materia de educación.


A derrogación da LOMCE, reivindicada en declaracións públicas por parte do PSOE, mais tamén do grupo de Unidas Podemos-En Común e En Marea na pasada lexislatura, ficou en papel mollado. Tanto o PSOE, como Podemos –agora coa nomenclatura En Común-Unidas Podemos– e En Marea –que se presenta separada dos seus anteriores socios de grupo parlamentar– repiten o compromiso de botar abaixo a polémica lei.

BNG e Compromiso por Galicia tamén buscan derrogar a LOMCE en tanto que ataca o ensino público, promove a relixión como materia obrigatoria e supón unha recentralización da educación. Mais esta non é a única proposta recollidas nos programas electorais. Eis un resumo do que defende cada forza política.

O BNG propón unha Lei Galega de Educación

No seu programa o BNG aposta nun novo marco educativo que asuma a configuración plurinacional e plurilingüe do Estado; que permita "dotármonos dun modelo educativo galego, en que Galiza poida organizar e ordenar o sistema educativo mediante unha Lei Galega de Educación". Nesta liña, busca transferir “toda a capacidade en materia educativa” e un sistema educativo galego “inserido na nosa realidade social, económica, cultural e lingüística, en función das nosas necesidades e carencias e ao servizo de transformación e desenvolvemento de Galiza”.

O dereito universal á educación dos 0 aos 18 anos e libros de texto, material escolar e actividades extraescolares gratuítas tamén están recollidos no programa do Bloque, que avoga nun ensino “público, galego, laico, coeducativo, gratuíto e democrático”. O BNG propón eliminar os concertos educativos dos centros que segregan alumnado por razón de xénero, así como os concertos educativos no ensino non obrigatorio e que a Relixión non forme parte do currículo escolar.

A formación política encabezada por Ana Pontón persegue que o investimento en educación chegue, como mínimo, ao 7% do PIB; que as ensinanzas artísticas superiores poidan adscribirse á universidade e unha reforma da normativa de universidades (LOU) que defina claramente o modelo de universidade pública e “elimine enfoques centralizadores e privatizadores”. Aliás, aposta en incrementar o financiamento das universidade públicas, tomando como referencia o 1,5% do PIB “para evitar que continúen co camiño de privatización encuberta, e favorezan a participación dos proxectos de investigación universitaria nos programas de I+D+I”.

A mellora nas dotacións das bolsas e a eliminación do coñecido como decreto 3 máis 2 (tres anos de grao e dous de mestrado) son outras das liñas de actuacións recollidas no programa electoral do BNG.

Compromiso por Galicia propón “un modelo adecuado á nosa realidade”

Compromiso busca “un modelo educativo galego adecuado á nosa realidade de país” e tamén aposta na retirada da LOMCE.

Defende un currículo educativo galego, “con especial insistencia na defensa do valor do galego como lingua vehicular no ensino e a súa potencialidade de conexión coa lusofonía e a internacionalización da nosa economía”.

En Marea, coa supresión dos concertos

En Marea propón unha educación infantil de 0 a 3 anos pública, universal e gratuíta e un orzamento do 7% do PIB, así como asegurar a equidade en todo o territorio e suprimir a taxa de reposición centralizada. Garantir por lei a Atención Temperá para as menores que o precisen; recuperar os contidos de Educación para a cidadanía e os Dereitos Humanos e impartir Educación Ambiental para a sostibilidade son outras das propostas de En Marea.

O partido de Luís Villares promove o dereito á educación das persoas mozas con diversidade funcional maiores de 21 anos; a supresión das subidas das taxas universitarias; o aumento das bolsas; a supresión de Relixión dentro do horario lectivo; uns controis de calidade, requisitos de profesorado, titulacións e medios para as universidades privadas equivalentes aos das universidades públicas; a introdución da perspectiva de xénero e da formación en dereitos das persoas dun xeito transversal e medidas eficaces e consensuadas coa comunidade educativa para loitar contra o acoso escolar.

Tamén aposta en suprimir a política extensiva dos concertos e auditar a escola concertada, así como acadar un financiamento en I+D equiparábel “ao dos países avanzados”.

En Común-Unidas Podemos propón estudar as linguas cooficiais

En Común-Unidas Podemos chama a recuperar o investimento en educación e a lograr unha cobertura universal e gratuíta do ensino de 0 a 3 anos. Propón que libros, material escolar e servizos de comedor sexan gratuítos e acabar co “pago ilegal de cotas” na escola concertada. Aposta tamén en que “calquera mozo o moza que queira e poida estudar o faga con igualdade de oportunidades á marxe de onde nacese” en un sistema de bolsas “suficiente”.

A coalición contempla medidas contra o acoso escolar e a violencia  e unha nova lei de educación que “blindará a escola pública como eixo vertebrador do sistema educativo”. Comprométese a impulsar un “Plan de aprendizaxe das linguas cooficiais do Estado, co obxectivo de que o alumnado poida coñecer e valorar a riqueza lingüística e cultural existente en España e a incorporar a Cultura Audiovisual como materia lectiva.

A igualdade sen segregación escolar; a eliminación dos concertos educativos e as subvencións ás escolas que practican a segregación educativa por razóns de sexo e unha educación inclusiva que respecte a diversidade funcional son outras das medidas que recolle o programa de Unidas-Podemos.

Unha gran prioridade do PSOE

Malia non conseguir tombar a LOMCE na anterior lexislatura, o PSOE sinala a educación como “unha gran prioridade”. No seu programa recolle “un gran Pacto de Estado pola Educación”, para que o investimento chegue ao 5% do PIB en 2025 e blinde a universalidade, así como unha nova lei “modernizadora” que “axude a previr a violencia de xénero e a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas, especialmente nas nenas”.

O PSOE comprométese a reforzar “a profesión docente e as condicións de traballo do profesorado” e a avanzar “cara á gratuidade das escolas infantís de 0 e 3 anos”. A modernización e mellora do sistema de bolsas e un plan contra o fracaso escolar son outros dos obxectivos do programa, que recolle unha posta ao día da formación profesional.

Ciudadanos propón que se estude a Constitución española

Ciudadanos avoga por unha educación de “máis calidade, máis innovación e o triplo de investimento para acabar co fracaso escolar”; un pacto “nacional para unha xeración” e unha “selectividade única".

Ademais, propón a materia de Constitución en toda España e premiar as universidades con mellores resultados.

O PP quere ampliar o estudo das humanidades

O PP, impulsor da polémica LOMCE, aposta en ampliar o estudo das humanidades e da Filosofía, materia que, en virtude da lei de educación aprobada polo Goberno de Mariano Raxoi, perdeu peso no currículo. Tamén avoga na introdución do deseño de apps e páxinas web e busca “apoiar os centros de educación especial” e reforzar a “escola rural”.

Ademais, comprométese coa formación profesional e propón un plan para “garantir o honor e a intimidade persoal dos estudantes nos centros escolares e protexelos do ciberacoso”.