Os desafíos da política galega para 2019

Os desafíos da política galega para 2019
parlamento de galiza
parlamento de galiza  

2019, ano de eleccións. Municipais e europeas aseguradas no calendario e sen desbotar un adianto dos comicios xerais. Mais o ano que vén vai ter retos e desafíos máis aló dos simplemente electorais. Dalgúns deles fálannos desde as diferentes organizacións. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 327 de Sermos Galiza.


4O ano 2019 colle en breve o relevo de 2018. Un traspaso que tamén se marca no arranque, após as vacacións de Nadal, dunha nova etapa no curso político galego. Vai ser un ano no que as eleccións municipais e europeas -e pode que mesmo as xerais, de haber adianto electoral- van centrar unha parte importante dos esforzos e planificación das diferentes formacións políticas que actúan en Galiza. Porén, hai vida política alén da cita coas urnas. Cuestións, problemas, políticas e proxectos que as diferentes forzas consideran que van ser centrais neste 2019.

“A defensa da sanidade pública vai ser un tema determinante, é unha batalla que está na rúa e nas institucións”, aponta en conversa con Sermos Galiza Antón Sánchez, viceportavoz parlamentar de En Marea. Un tema no que tamén coinciden o portavoz do PSdeG e a viceportavoz do BNG. “É a principal preocupación cidadá agora mesmo e a Xunta non pode escaquearse, a sanidade é competencia súa”, sinala Fernández Leiceaga a este semanario. A nacionalista Olalla Rodil considera que o sanitario “vai ser un dos debates importantes de 2019: lograr que a sanidade pública sexa o que ten que ser, un dereito fundamental”.

Para Rodil, ademais, 2019 ten que ser un ano de intensificación da loita por aquelas cuestións que demanda a cidadanía galega: “O que pasa na Educación, o que acontece na dependencia,   actuar contra a precariedade e temporalidade laboral; a emigración...”, enumera para Sermos Galiza.

O PP, de por parte, considera que 2019 vai ser unha oportunidade para “consolidar” o traballo desenvolvido nestes anos. En 2019 vai facerse unha década de goberno de Núñez Feixoo na Xunta e o Partido Popular quer que sexa un ano de ‘sacar brillo’ ao presidente.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 327 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]