A LINGUA NAS ELECCIÓNS

A propaganda electoral da dereita española despreza o galego

A propaganda electoral da dereita española despreza o galego
Mailing
Mailing  

A comunicación electoral que Ciudadanos envía a todos os domicilios pula por rematar coa protección formal da lingua galega e “parar os nacionalismos”. Mentres, as dúas cartas de Pablo Casado que o PP envía en sobres separados, unha con motivo das europeas e outra das municipais, están redactadas unicamente en español.  


Se xa de costume en cada campaña electoral as caixas de correo amencen cheas dos envíos postais que as candidaturas remiten a todos domicilios, neste mes de maio o número de correspondencias recibidas é o duplo por cada formación política, xa que cada unha envía en sobres separados a comunicación sobre os comicios municipais e a información sobre as europeas.

Tense cuestionado se é acaído ou non que este tipo de propaganda electoral sexa subvencionada con cartos públicos e mesmo se a cantidade de papel gastada é necesaria na era dixital en que vivimos.

Sexa como sexa, cada sobre identifícase cunha opción política de maneira clara nada máis recollelo da caixa de correo. Cada quen emprega un formato, cores, estilo e imaxe gráfica asociábeis rapidamente a súa candidatura.

Mais tamén hai un trazo diferenciador que nun país normal non debería de selo. Trátase do uso da lingua e as posicións políticas sobre o galego.

Ciudadanos só se comunica en español e chama a “parar” o galego e o nacionalismo

A comunicación electoral a domicilio que envía o partido Ciudadanos unicamente está escrita en español.

A carta con motivo das municipais vén envolvida nun sobre coa bandeira de España e conta nun reverso cunha imaxe de grande tamaño de Inés Arrimadas e Albert Rivera a modo de póster. No anverso figura o texto onde teiman en “acabar coa discriminación por razón de lingua en Galiza”, eufemismo co que avogan por derrubar a xa feble situación da lingua galega na vida pública e a escasa discriminación positiva cara ao galego.

Ciudadanos considera un agravio para a cidadanía de todo o Estado os mínimos pousos en materia de normalización lingüística

Ciudadanos incide así en considerar un agravio para a cidadanía de todo o Estado os mínimos pousos en materia de normalización lingüística que aínda perviven após medidas como o decreto de plurilingüismo no ensino aplicado pola Xunta de Alberto Núñez Feixoo. 

Teiman por tanto no seu compromiso número un das pasadas eleccións xerais, no que promovían literalmente “acabar cos privilexios dos nacionalistas, a igualdade dos españois non se negocia”. Dentro desta declaración de intencións, proclamaban que con Ciudadanos vaise “estudar e traballar en español en toda España”.

O sobre das europeas, coa fotografía do candidato laranxa Luis Garicano enuncia como primeiro compromiso escrito en español “imos parar os nacionalistas e populistas en Europa como xa fixemos en España” e un segundo compromiso dirixido ás políticas e políticos cataláns no exilio, que reza “imos reformar a euro orde para que ninguén poida fuxir da xustiza española en Europa”.

Casado e Montserrat diríxense só en español a todas e todos os galegos

No PP están “centrados no teu futuro”, segundo din en castelán no seu mailing. A misiva das europeas, que contén un texto de Pablo Casado e outro autoría de Dolors Montserrat, non emprega o galego.

O sobre das municipais só contén unha carta escrita por Pablo Casado en castelán

O sobre das municipais só contén unha carta escrita por Pablo Casado en castelán. O anverso da misiva figura en branco. Nin sequera o galego vale para incluír unha tradución da carta orixinal, como fan outras opcións políticas. O despiste ou ben a ansia uniformadora de Casado é tal que no seu texto afirma que o 26 de maio “regresamos ás urnas para decidir o futuro dos nosos concellos e comunidades autónomas”, como se na Galiza estivésemos convocadas e convocados a elixir a composición do Parlamento Galego.

PSOE e Unidas Podemos envían a comunicación en ambas linguas dando prioridade á versión en español

En ambas linguas cooficiais na Galiza envían PSOE e Unidas Podemos a súa correspondencia electoral, iso si, a parte en galego vai pregada cara ao interior, de tal forma que ao abrir o sobre o primeiro que se visualiza é a versión española.

A carta do PSOE para as europeas, asinada por Borrell e Sánchez, está nas dúas linguas mais o sobre unicamente en español co lema “A Europa que queres”.

A misiva de Xosé Bugallo só en galego e a de Abel Caballero en ambas linguas

En canto ás municipais, no PSdeG dáse unha diferenza apreciábel dependendo de cada concello. Por exemplo, en Compostela Xosé Bugallo, candidato á alcaldía, envía a súa carta só en galego, co logo do PSdeG e o lema xenérico do partido adaptado a cada localidade, neste caso “O Santiago que queres”. Mais o rexedor Vigués vai pola súa propia conta, enviando a carta nas dúas linguas, sen rastro das siglas do partido e cun lema propio: “Si, somos Vigo. Abel Caballero”.

A comunicación postal do BNG emprega o galego como única lingua

O Bloque Nacionalista Galego envía tamén dous sobres a cada domicilio, o das municipais baixo o lema “Adiante coas ideas claras” e o das europeas sob o título “Galiza con voz propia en Europa”.

Toda a comunicación desta formación política figura exclusivamente en galego

Ambos sobres inclúen unha carta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. O das municipais tamén contén un pequeno díptico con imaxe e texto da persoa candidata á alcaldía de cada localidade. Toda a comunicación desta formación política figura exclusivamente en galego.