COBERTURA ACTUALIZADA

A operación "Pokemon" sacode a precampaña electoral

A operación "Pokemon" sacode a precampaña electoral
Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense
Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense  SG
Detidos os alcaldes de Ourense e Boqueixón e outras doce persoas. Realizáronse detencións simultáneas en Ourense, Lugo, Coruña, Compostela, Bueu e Boqueixón. Tamén se produciron arrestos en Madrid e Asturias. Tráfico de influencias, alzamento de bens e mesmo branqueo de capitais, os delitos que se lles podería imputar aos detidos.

O alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, foi detido esta mañá, por orde do xulgado número 1 de Lugo , do cal é titular Pilar de Lara Cifuentes, a mesma xuíza que instruíu o denominado caso Carioca. Tamén se produciron os arrestos policiais de R.O., funcionario de alto rango do concello de Compostela, e do ex-presidente da Confederación hidrográfica Miño-Sil –e tamén ex-concelleiro socialista en Lugo--, Francisco Fernández Liñares, quen xa se vira envolto con anterioridade noutras causas xudiciais. Aínda non transcenderon as causas que motivarían esta operación xudicial que se desenvolveu cunha grande operación policial. Ademais habería dúas persoas detidas máis das cales polo momento se descoñece a súa identidade.Entre os detidos atópase tamén o popular Adolfo Gacio Vázquez, alcalde de Boqueixón.

A detención do alcalde da cidade das burgas foi realizada por efectivos de vixianza aduaneira. Os presuntos delitos que se especula lle serán imputados ao rexedor serían tráfico de influencia e alzamento de bens. Fontes aduaneiras consultadas por Sermos Galiza sinalaron que dada a natureza do operativo se lle podería engadir tamén unha acusación relacionada co branqueo de capitais.

Xunta de portavoces de urxencia e Isabel Pérez como alcaldesa en funcións

Despois da detención do primeiro edil ourensán, a tenente de alcalde --a nacionalista Isabel Pérez-- exerce de alcaldesa en funcións e convocou unha reunión de urxencia da xunta de portavoces do concello de Ourense. Resultado desa reunión farase público unha posición unánime dos grupos municipais do PSOE, BNG, PP e Democracia Ourensana. A xunta de portavoces expresa “a súa confianza na persoa de Francisco Rodríguez despois da súa detención de cuxos motivos non foi aínda informado o concello”. Nese sentido, os grupos municipais agardan que “a autoridade xudicial informe canto antes das causas que motivaron a detención do alcalde”.

Operación alén do Padornelo

O operativo policial despregado baixo a dirección do xulgado de Lugo está a realizar detencións noutras partes do estado. En Madrid efectuaronse dúas e en Asturias unha. Polo momento contabilízase un total de 13 detencións das cales dez se produciron en territorio galego. Catro en Lugo, dúas en Ourense e unha en Compostela, Coruña, Boqueixón e Bueu respectivamente.


REACCIÓNS Á OPERACIÓN POKEMON

Pachi Vázquez confía na inocencia de Francisco Rodríguez

O candidato socialista á presidencia da Xunta de Galiza, Pachi Vázquez, expresou a súa “plena confianza na xustiza e na inocencia do rexedor” ao remate dun almorzo informativo en que participou en Compostela.

Feijóo respecta a presunción de inocencia

Pola súa banda, o presidente da Xunta de Galiza e candidato popular, declinou realizar unha valoración definitiva ao "non dispor da información nesaria". Aliás, Feijóo expresou o seu respecto pola "presunción de inocencia" para deseguido criticar a actitude do PSOE noutros casos. "Non vou facer as declaracións que escoito de dirixentes do PSOE cando (casos como este)  afectan a outros partidos" asegurou Feijóo.

En cuestión a posíbel oportunidade electoral do operativo

O feito de que esta operación se desenvolva en plena precampaña das eleccións galegas, e que esta teña lugar poucos días despois dun operativo semellante contra o independentismo, cunha importante cobertura informativa, que se saldou con catro persoas en prisión, está a dar pé a algúns receos sobre a posíbel oportunidade electoral destas actuacións. Nese sentido a portavoz do grupo parlamentar do BNG, Ana Pontón, dixo agardar que tras a detención do alcalde de Ourense "non haxa intereses máis alá dos xudiciais".

López Orozco chama a confiar na xustiza

O alcalde de Lugo, Jose Luís López Orozco, manifestou pola súa banda ter "confianza na xustiza", tras afirmar que non ten máis información que "a dos medios de comunicación". O presidente do PSdeG declarou estar tranquilo aínda que recoñecía estar pensando nos encausados e "nas súas familias".

Compromiso por Galicia emprega a "Operación Pokemon" en campaña

Xosé Manuel Pérez Bouza reclamou a dimisión inmediata de Francisco Rodríguez como alcalde da cidade de Ourense. O candidato de CxG aínda afirmando respectar a "presunción de inocencia" defendeu que a cidade "non merece un alcalde nesta situación" e argumentou que a gravidade dos cargos precisan da asunción de responsabilidades políticas. Pola contra, ningunha das forzas políticas con representación no poleno do concello de Ourense --PP, BNG e DO e máis o PSOE-- reclamaron a saída de Francisco Rodríguez.

Compromiso por Galicia vai máis alá, e nun chío desde a súa conta oficial en Twitter, publica unha mensaxe en que emprega  a "Operación Pokemon" como argumento de campaña electoral cara ao 21-O, onde equipara BNG, PSOE, PP e Mario Conde.