XOSÉ LUÍS MOÑITA, NÚMERO 1 DE CXG POR LUGO

“Dignidade galega é o que se precisa no Congreso”

“Dignidade galega é o que se precisa no Congreso”
Xosé Luís Moñita
Xosé Luís Moñita  

Xosé Luis Moñita Martín lidera a candidatura de Compromiso por Galicia ao Congreso pola circunscrición de Lugo. Leva como obxectivo principal defender a identidade do pobo galego, avanzar no desenvolvemento total do estatuto de autonomía, conseguir todas as competencias que Galiza precisa e levar á Cámara as problemáticas que afectan á veciñanza de Lugo.


Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

Creo que son realmente importantes xa que, debido á situación política actual (coa dereitización e radicalización do Partido Popular e Ciudadanos e a aparición de Vox) existe unha tendencia á recentralización de competencias e á imposición do castelán.

Hai que seguir avanzando na consecución do desenvolvemento total do estatuto de autonomía

É o momento de defender a identidade do pobo galego para non perder o camiñado e poder seguir avanzando na consecución do desenvolvemento total do estatuto de autonomía e a adquisición de todas as competencias que faltan por transferir.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Unha lectura claramente negativa, xa que Galiza, pese a ser unha das comunidades que mellor cumpriu cos axustes que lle pediron, non foi recompensada como merece. Outras comunidades fixeron menos ou simplemente non cumpriron cos seus obxectivos e, pola contra, recibiron máis investimento.

Tivemos que ver como as deputadas e deputados galegos do PP votaban en contra dos intereses de Galiza por compracer a directiva estatal do seu partido, do mesmo xeito que os deputados de En Marea (agás Alexandra Fernández) votaban tamén a favor da redución do orzamento dedicado a Galiza.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Soa a tópico pero creo que os tres principais problemas de Galiza son a falta de infraestruturas que lastran terribelmente unha economía con moitísimas posibilidades; por poñerlle un exemplo, se na provincia de Lugo se abrise o porto de San Cibrao ás mercadorías e se mellorasen as estradas até a capital luguesa e Monforte, a economía de Lugo melloraría de forma espectacular e sería a envexa de todo o país.

Preocúpame moito como se está a coidar a poboación envellecida

Outra problemática é o envellecemento da poboación, xunto á despoboación que sofre Galiza. Preocúpame moito como se está a coidar a poboación envellecida que, en moitos casos, queda abandonada á súa sorte.

A situación internacional que estamos a vivir, coa saída de Inglaterra da UE, lévanos a cuestionarnos que vai pasar coa frota galega que pesca nos seus caladoiros e das empresas de transformación. As consecuencias do Brexit son outras das problemáticas que considero moi graves; máxime cando o Estado español non dá a Galiza as cotas que realmente merece na pesca de distintas especies.

Indubidabelmente quedan moitas cuestións importantes como o sector da madeira, o gandeiro, o agro etc..

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Aquí non teño ningunha dúbida, o deputado referente para min, polo seu sentido común, a forma de expresarse, a maneira de defender os intereses do seu pobo e o señor Aitor Esteban. Teño unha admiración total por el e pola forma de traballar do seu grupo.

Teño unha admiración total por Aitor Esteban

O triste é que non se me pase pola cabeza ningún deputado por Galiza, se ben debo recoñecer que a actuación da deputada Alexandra Fernández pareceume do máis comprometido e leal cos intereses de Galiza, motivo polo cal non puido deixar que a seguisen manexando e dimitiu por dignidade. Dignidade galega da que se precisa máis no Congreso.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Todo vai depender da configuración do goberno, pero postos a soñar con que un deputado ou dous de CxG fosen fundamentais para a gobernabilidade do Estado, creo que a primeira iniciativa sería a aprobación dunha tarifa electrointensiva moito mellor que o estatuto actual, ou ben, a apertura do porto de San Cibrao ás mercadorías.

Como ve as opcións de Compromiso por Galicia na cita electoral?

Compromiso por Galicia está chamado a ocupar un espazo importante e fundamental, xa que representa os valores do 90% das galegas e galegos que non son outros que ser galeguistas, non independentistas, europeístas e socialdemócratas. Dito así, parece que moitas galegas e galegos non o entenden pero, que galego hai que non se sinta galego? Que galego hai que realmente se queira separar do Estado español? Que galego non quere que o pobo galego pertenza a una Europa dos Pobos? E que galego non quere ter a mellor cobertura en todos os ámbitos?

Estamos no momento de traballar, de ir abrindo camiño para que os que veñan despois de nós poidan medrar sobre un terreo xa sementado, pero creo que as opcións de Compromiso por Galicia nesta cita electoral pasan por obter un ou dous deputados.