Demite a Valedora case catro meses despois de ser condenada polo Tribunal Supremo

Demite a Valedora case catro meses despois de ser condenada polo Tribunal Supremo
20150902_VALEDORA_-6
20150902_VALEDORA_-6  

O Supremo anulara o seu nomeamento da irmá do portavoz parlamentario do PP deixando en evidencia o carácter nepotista da súa conduta.


Milagros Otero rexistrou esta terza feira a súa renuncia ao cargo de Valedora do Pobo, un paso que dá case catro meses despois de que o Tribunal Supremo desestimase o seu recurso contra a condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola desginación dentro da insitución de María Puy, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do ex presidente Manuel Fraga. A demisión de Otero chega apenas 10 días despois de que pedise un incremento salarial.

A Valedora do Pobo anunciou en abril que puña o seu cargo a disposición do Parlamento despois de que o Supremo rexeitase o seu recurso no caso da irmá de Pedro Puy. Este partido mantívoa contra as peticións de demisión por parte das forzas de oposición e contra toda promesa de rexeneración e rexeitamento da corrupción.

Un currículo polémico

Milagros Otero, profesora de Dereito e Filosofía na Universidade de Santiago, tomou posesión do cargo de Valedora do Pobo a inicios de setembro de 2015. Era a aposta do PP para poñer fin á ‘crise’ aberta en 2012, cando dimitiu dese cargo Benigno López, cuxa defensa dos recortes e tesouradas da Xunta e a súa aposta mesmo en suspender a lei da dependencia xerou una forte contestación. O seu sucesor, o vicevaledor José Julio Fernández, estivo no cargo até nomear o Parlamento Milagros Otero como valedora.

Neste tempo Otero foi moi cuestionada. O episodio coa consideración como probado por parte do TSXG de que  Milagros Otero se inmiscuiu no proceso de designación como xefa do servizo de administración e persoal da institución foi o último exemplo.

Non foi esa a súa primeira polémica no cargo. Como cando protagonizou una ‘batalla’ co Concello de Santiago a raíz das persoas sen teito, con acusacións públicas e apertura de expedientes. Estes foron finalmente arquivados. O ex alcalde compostelán, Martiño Noriega, chegou a falar de “animadversión” da Valedora cara ao goberno local. En abril de 2017 seis asociación de doentes e ONG, entre elas SOS Sanidade Pública, pedían a demisión da Valedora por entender que antepuña os “intereses” do PP aos dereitos das e dos cidadáns. “As súas resolución son sempre a favor da administración do PP, criticaba o médico Xosé Dios. A petición tiña o apoio de institucións como o Concello de Santiago ou sindicatos como a CIG.

Precisamente a CIG tamén se mostrou crítica con Milagros Otero. En maio do ano pasado a Federación de Ensino do sindicato nacionalista acusábaa de ser “a Valedora do PP” a raíz da súa resolución e actitude perante a formulación da queixa presentada sobre discriminación do galego na Lomce.

En outubro de 2017 A Mesa exixía a dimisión de Milagros Otero como Valedora polo seu “desprezo” perante a vulneración de dereitos lingüísticos. A organización acusou a Otero de “xustificar deturpacións de topónimos”, o que viña a sumarse á actuación da valedora en situacións como cando a unha nena de 9 anos lle restaron puntos nunha redacción por empregar o termo ‘Galiza’.