A dirección acolle con incomodidade o lanzamento de Cerna, grupo crítico organizado de Anova

A dirección acolle con incomodidade o lanzamento de Cerna, grupo crítico organizado de Anova
anova
anova  

Martiño Noriega, coordenador da formación aliada con Esquerda Unida en AGE, acusa o sector que acaba de organizarse de “seguir nas mesmas coordenadas que provocaron a marcha do BNG”


A creación, xa como sector claramente organizado, de Cerna, o grupo crítico dentro de Anova ao que pertencen @s militantes que se definen como “máis nacionalistas” e contrarios á coligación con IU nas pasadas europeas, ten aberto unha nova crise dentro da organización que lidera Xosé Manuel Beiras, que con toda probabilidade non se resolverá até a asemblea que terá lugar en outubro.

Cerna, onde militan históricos como Mario López Rico ou Luis Eyré, sinalou o pasado sábado, ao crearse, que se reafirma “co seu compromiso cos acordos asumidos pola maioría de militancia de Anova na primeira asemblea e o obxectivo orixinario de contribuír á construción dunha nova expresión política do nacionalismo para o século XXI". Porén, afirman que “Anova-Irmandade Nacionalista resultou ser incapaz de ser ponte entre a cidadanía e a instancia política e, no plano interno, converteuse nunha organización na que se practica o contrario que se predica, polo que precisa un cambio radical”, dentro do cal tamén apostan en fuxir “do enfeudamento con Izquierda Unida no que cre a actual Permanente”.

"Anova resultou incapaz de ser ponte entre a cidadanía e a instancia política e practica o contrario que predica", afirma o sector crítico

Por parte da dirección da formación, o seu coordinador, Martiño Noriega -tamén alcalde de Teo- afirmou ter a “percepción de volver a aquelas cousas que escoitou hai dous anos cando a marcha do BNG, pero agora dende dentro de Anova”, segundo dixo na Cadena Ser. “Non sei para que iniciaron algúns un novo camiño se seguen instalados nas mesmas coordenadas”, dixo en mención a Cerna.

Alianzas

Por outra banda, Noriega remarcou que “AGE non é suficiente” e que “hai que seguir avanzando”. “Eu creo que será o momento, non só de falar cos colectivos partidarios, senón tamén entre a cidadanía non organizada e determinados movementos”, afirmou en relación ás alianzas para futuros comicios.



x