A dirección de En Marea desbota por "aristocrática" a proposta de Compostela Aberta

A dirección de En Marea desbota por "aristocrática" a proposta de Compostela Aberta
Aspecto do último plenario de En Marea, decorrido o pasado mes de marzo
Aspecto do último plenario de En Marea, decorrido o pasado mes de marzo  

O grupo dirixente que lidera Luís Villares afirma non ter recibido "notificación ningunha" da proposta formulada pola marca que encabeza Martiño Noriega. Mais entra a avaliala pola súa "repercusión mediática" e porque Compostela Aberta tena pendurada na súa páxina web.


A Coordenadora de En Marea —o equivalente a unha executiva nacional— saúda como "moi positiva" toda "iniciativa que persiga a intensificación do diálogo no espazo político", mais convida a que as persoas que o queiran promover o fagan dentro das canles orgánicas da confluencia. Nese sentido, pon en valor que EM se ten dotado dunha estrutura "horizontal e sen restricións" que permite a participación de "toda persoa inscrita, con independencia da súa marea ou partido de procedencia, se os tivese". Estima a dirección do partido instrumental que é no Consello das Mareas —órgao abandonado na práctica polos sectores críticos— e nos plenarios —homólogos a unha asemblea nacional, realízanse dous ao ano— onde se pode participar na formación da vontade política da organización.

O discurso de villarismo é que En Marea supera formulacións organizativas anteriores —coalicións tipo AGE— porque nestas "as persoas que non militaban en partidos políticos ou en determinadas mareas quedaban excluídos da participación", afirma a coordenadora. Con base nese argumento, a dirección da confluencia rexeita a proposta de Compostela Aberta de constituír unha Mesa da Confluencia —formada polos partidos fundacionais (Anova, EU, Podemos), as mareas gobernantes das tres cidades (A Coruña, Ferrol, Compostela) e a propia En Marea. A iniciativa impulsada por Martiño Noriega sería, a ollos do grupo dirixente liderado por Luís Villares, "incompatíbel" cunha "decisión de abaixo arriba e sería admitir un lugar de decisións tomadas por unha sorte de aristocracia política que nega a capacidade de decisión do conxunto das inscritas".

Dar paso a esa Mesa da Confluencia levaría a confluencia, de acordo coa súa coordenadora, a un "retroceso na construción democrática e participativa do espazo, porque nega a voz de todas aquelas inscritas na Marea que non pertencen a un grupo de elixidos". "Precisamente a elección democrática directa [por parte das persoas inscritas] dos órgaos de dirección de EM superou estas deficiencias democráticas e participativas", esténdese a dirección do partido instrumental.

Critica tamén a coordenadora que na proposta de Compostela Aberta se privilexie o papel de "tres mareas gobernantes", en alusión ás das cidades, a incorrer no "esquecemento de que espazos municipalistas do cambio exercen funcións de goberno en moitos outros concellos do país".

E canto ao adianto do calendario eleitoral de En Marea —CA propón que a cúpula se renove en setembro e non en xaneiro como está axendado—, a dirección argumenta que esa é unha competencia do Consello das Mareas e do plenario. En todo caso, a decisión sobre a alteración da axenda mareante sería "algo que se pode discutir e acordar no marco da intensificación do diálogo nos órgaos de construción democrática das decisións de EM, nunca nunha Mesa que constrúa decisións que afectan En Marea fóra da propia En Marea".



x