Un director xeral sobre os contratos da Xunta con Dorado: ''as cousas, ás veces, non se poden atopar"

Un director xeral sobre os contratos da Xunta con Dorado: ''as cousas, ás veces, non se poden atopar"
Yolanda Díaz no Parlamento [SG]
Yolanda Díaz no Parlamento [SG]  SG

Foi a explicación que Gonzalo Ordóñez, director xeral de Relacións Institucionais, deu a AGE cando preguntou por que La Voz de Galicia publicou os dados de contratos asinados co narcotraficante Marcial Dorado que non foron facilitados no Parlamento.



"As cousas, ás veces, non se poden atopar", explicou á vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, o director xeral de Relacións Institucionais, Gonzalo Ordóñez, cando o grupo parlamentar preguntou por que un medio de comunicación afín ao PP "que pensaron que ía beneficiar a Feijóo" --en referencia a La Voz de Galicia-- si tivo acceso a información dos contratos subscritos pola Xunta con empresas vinculadas ao narcotraficante Marcial Dorado, información que non lle foi facilitada a ningún dos grupos da oposición embora a reclamaron tanto AGE coma BNG e PSdG-PSOE.

No concreto, Díaz dixo ter presentado "unha vez por semana desde abril" un escrito reclamando esa documentación que aínda non lle foi entregada "na súa totalidade". O mencionado xornal, no entanto, publicou unha información o 14 de novembro entitulada "La Xunta remite al Parlamento cientos de documentos que certifican sus pagos a empresas de Marcial Dorado".

O único que manexan no grupo de AGE é un escrito en que unha persoa con cargo de responsabilidade na Xunta de Galiza fala do "deterioro" sufrido nun centro de formación profesional de Coia, en Vigo, onde supostamente ficarían almacenados os expedientes dos contratos. Di o escrito ao cal Díaz deu leitura que o devandito instituto "sufriu anegamentos entre 1998 e 2012 que afectaron gravemente moitos expedientes que tiveron que ser destruídos".

A coordenadora nacional de EU reprochou á Xunta "vulnerar a lei" e filtrar a un xornal afín a información que solicitou AGE a respeito das contratacións que se encargaron ás empresas "dese amigo da mocidade e da intimidade de Feijóo", en referencia ao narcotraficante. Aliás, exixiu máis unha vez coñecer o nome e o cargo da persoa que ordenou a destrución dos expedientes.

Que facían os expedientes nun instituto anegado durante 13 anos consecutivos?

"Toda a información foi posta a disposición do Parlamento agás contratos por valor de 23.686 euros que non se atoparon porque estamos a falar de documentos que pasan dos 20 anos e as cousas, ás veces, non se poden atopar", respostou o director xeral sen entrar a explicar por que os expedientes estaban gardados nun instituto de FP en Coia ou que casualidade se tivo que dar para que o devandito emprazamento sufrise anegamentos durante 13 anos consecutivos.

Acto seguido, o que fixo Gonzalo Ordóñez foi cargar contra a oposición en xeral e contra o grupo parlamentar de Yolanda Díaz en particular: "pensaron que cunha foto ían tombar o goberno e non tombaron nada", dixo, advertindo de que aos tres grupos parlamentares "fóiselles a man para laminar o presidente substituíndo os argumentos políticos porque adoecen deles".

O director xeral minte sobre os contratos

Insistiu en que @s [email protected] dispoñen de toda a información relativa aos contratos con Dorado "desde o 26 de abril de 2013", cando en maio faltaban aínda contratoso propio Feijóo recoñeceu o 19 de novembro que se destruíran todos os expedientes anteriores a 2003 porque a lei só obriga, dixeron, a almacenalos durante dez anos.

Aliás, tamén mentiu Ordóñez ao sinalar que a información solicitada se refire "a un periodo histórico" en que Dorado non fora condenado aínda. "Cando alguén manipula a realidade polo menos ten que o facer ben", espetou Yolanda Díaz a modo de conclusión.