COMISIÓN DE INCENDIOS

Do monocultivo ao monte multifuncional, a aposta do BNG

Do monocultivo ao monte multifuncional, a aposta do BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denuncia a “parálise” da comisión parlamentar que estuda os incendios e acusa a Feixóo de “estar máis pendente de apagar os lumes dos seus partidos”. A nacionalista deu a coñecer este sábado a proposta do Bloque nese órgano: pasar do monocultivo forestal ao monte multifuncional.


O BNG organizou este sábado, 9 de xuño, a quinta edición do Parlamento Aberto, as xornadas que organiza sobre diversos temas de actualidade no Hórreo. Nesta ocasión, a forza nacionalista, que contou coa presenza do ex conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal (quen recibiu os aplausos das persoas asistentes), entre outras persoas expertas, abordou a problemática dos incendios e a estrutura forestal. Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, adiantou neste contexto as propostas das nacionalistas na comisión parlamentar que estuda os incendios: pasar do monocultivo forestal ao monte multifuncional.

“Imos presentar de inmediato o ditame dentro da comisión cunha aposta decida en cambiar o monocultivo de especies, -auténtico combustíbel para os incendios-,  para mudar cara un modelo de monte multifuncional, que é un paso clave”, explicou, “se adoptamos os cambios necesarios, daremos un futuro esperanzador ao medio rural”.

Nesta liña, Pontón puxo de manifesto a necesidade de optar por unha “nova política forestal, por madeiras de calidade, por un monte tanto produtivo como de ocio. O monte pode xerar emprego e riqueza, e aí están os exemplos de boa xestión, pero é preciso un impulso da Xunta para ter un monte coidado e ordenado, base tamén dun rural vivo”, acrecentou.

Na súa intervención no comezo da xornada, a nacional do BNG denunciou a “parálise” da citada comisión parlamentar, que foi creada após a vaga de incendios acaecida en outubro de 2017. “O pasotismo e o silencio do señor Feixóo volve repetirse tras os días negros que viviu Galiza en outubro e así temos unha comisión de estudo sobre os incendios que aínda non ten conclusións, e non vemos que o PP teña ningún interese en que as conclusións sexan unha análise crítica para saber que pasou e poder abordar un cambio real”, subliñou.

Pontón fixo fincapé en que o futuro do monte galego “é unha cuestión de país”. De aí que denunciase a desidia de Feixóo, “tras a catástrofe en Portugal dirixinme ao presidente da Xunta para abrir un debate de futuro porque hai moitas analoxías coa situación do monte no país veciño e non estábamos libres de sufrir unha vaga de lumes como a vivida ao outro lado do Miño. Nin sequera contestou a aquela proposta sincera para cambiar a política forestal e de xestión de monte”, lembrou.

A dirixente nacionalista acusou Feixóo de estar máis “preocupado por apagar os incendios do PP e por cubrir a vacante que deixa Raxoi” e de “non ter a cabeza en atender as necesidades de Galiza neste tema clave”.

Faixas de protección

A respeito das franxas de protección, Pontón lamentou a desidia de Feixóo “máis alá de dar ultimatos aos concellos, a maioría sen medios suficientes para abordar esta cuestión”. Precisamente, entre as propostas anunciadas polo BNG ao respeito atópase dotar os concellos de recursos para executar as citadas franxas de seguridade, “un dispositivo de prevención e loita contra os lumes 100% público, profesionalizado e con mando único”.

O BNG tamén propón medidas a medio e longo prazo como un Plan forestal consensuado partindo dunha moratoria na plantación de eucalipto nas zonas de alto risco e a recuperación das 35.000 hectáreas ilegais plantadas en terras agrarias. Ademais, aposta nun plan para limpar o monte e un  Plan territorial integrado que ordene o monte fronte aos incendios, similar ao que existe para o litoral galego.

Proposta de En Marea

Por outra banda, o deputado de En Marea Davide Rodríguez daba a coñecer este sábado unha proposición non de lei presentada Parlamento Galego en relación ás faixas de protección dos núcleos rurais. En Marea insta a Xunta a “informar e estabelecer directrices claras a todos os concellos e distritos forestais de Galiza”, a “informar e formar de forma axeitada as e os axentes forestais e técnicos para unha axeitada aplicación das normas legais estabelecidas” e “informar de forma axeitada as e os propietarios particulares e as comunidades de montes para unha acaída execución das normas estabelecidas”.

En Marea advirte da “confusión creada” e empraza a Consellaría do Medio Rural a aplicar a Lei de Montes e a lei sobre incendios “co mesmo criterio” en toda Galiza, “nos 19 distritos forestais e nos 313 concellos do país”.



x