MONTSERRAT "SERÁ GALEGA"

Dolors Montserrat alimenta a incógnita sobre o futuro de Feixoo sinalándoo como “o faro de moitos”

Dolors Montserrat alimenta a incógnita sobre o futuro de Feixoo sinalándoo como “o faro de moitos”
Montserrat e Feixoo en Vigo
Montserrat e Feixoo en Vigo  

Un duplo fracaso do PP nas urnas do 26 de maio pode ser fatal para Pablo Casado após a perda histórica sufrida nas eleccións xerais. Pola contra, e pese a colleitar os peores resultados da historia do PP en Galiza, despunta outra vez o nome de Alberto Núñez Feixoo como novo relevo en Madrid.


Non faltaron eloxios para Alberto Núñez Feixoo por parte da candidata do PP ao Parlamento Europeo, Dolors Montserrat. “O faro de Galiza e de moitos" expresou a conservadora para referirse ao presidente da Xunta durante un acto de campaña en Vigo.

Dolors Montserrat apoiou no congreso do PP de 2018 a Dolores de Cospedal, e após o acordo para apoiaren a Pablo Casado, resultou designada coma portavoz no Congreso. Férrea defensora das posicións de Casado, segue cualificando ao presidente da Xunta de gran xestor e un faro para ela e para moitos, pese aos vaivéns dun Feixoo que mesmo un día fai o ademán de cavilar sobre a rendabilidade electoral de ter participado da manifestación de Colón con Vox, para ao seguinte apostar por medio de Miguel Tellado por pactar con Vox para gobernar nos concellos de Galiza.

A candidata Montserrat é férrea defensora das posicións de Casado

Precisamente, a candidata Montserrat eloxiou as políticas de Feixoo situándoo como guieiro “de moitos” alimentando as incógnitas sobre a posibilidade de que Pablo Casado non dea soportado internamente un duplo fracaso electoral nos concellos e no Parlamento Europeo que, sumado ao batacazo das xerais, obrigue a súa dimisión e substitución por un Feixoo do que reiteradas veces se ten especulado sobre o seu desexo de empregar a Xunta como trampolín para facer carreira política en Madrid.

Dolors Montserrat promete ser galega

No seu escano no Parlamento Europeo Dolors Montserrat asegurou que será “unha galega máis” e prometeu que apoiará o sector pesqueiro de Galiza. “Haberá dous deputados galegos, Millán Mon (actual eurodeputado do PPdeG) e eu mesma”, afirmou a ex ministra.

“Haberá dous deputados galegos, Millán Mon (actual eurodeputado do PPdeG) e eu mesma”, afirmou a ex ministra.

No encontro sectorial sobre pesca celebrado esta terza feira no Liceo Marítimo de Bouzas, en Vigo, asegurou que “Galiza é o Vaticano do mar e Vigo a súa Capela Sixtina”, símiles artísticos cos que a eurodeputada quixo chamar a atención sobre a relevancia do sector marítimo pesqueiro.

Ademais autodefiniu o PP como o gardián da política pesqueira común e da pesca galega na UE, e prometeu que desde o seu escano no Parlamento Europeo traballará incansabelmente na defensa do sector.