Dúas marchas pola independencia na véspera do 25X

Dúas marchas pola independencia na véspera do 25X
Convocatoria do ano 2016 da Marcha Xuvenil Unitaria. Foto: Irene Pin [arquivo]
Convocatoria do ano 2016 da Marcha Xuvenil Unitaria. Foto: Irene Pin [arquivo]  

No serán desta terza feira, Compostela acollerá dúas manifestacións xuvenís a prol da constitución dun Estado galego independente


Dentro do marco das mobilizacións programadas para o día da Patria Galega, a mocidade nacionalista repite este ano a súa convocatoria de celebrar mobilizacións pola independencia na véspera do 25 de xullo.

Desta forma, esta terza feira 24, Galiza Nova celebrará a súa Ruada pola Independencia. A comitiva da organización xuvenil nacionalista sairá ás 19:30 horas desde o parque de Bonaval, en Compostela.

Por outra banda, unha convocatoria unitaria de organizacións como Briga, Erguer e Isca! convocan a Marcha da mocidade galega pola independencia. A manifestación, que conta co apoio de 25 entidades, sairá ás 20 horas da Alameda compostelá.

No ano pasado xa existiran dúas convocatorias paralelas de mocidade nacionalista. Hai que botar a vista atrás até 2016, último ano no que se rexistrou unha única Marcha Xuvenil Unitaria.