Dúas mareas para o 28 de abril

Dúas mareas para o 28 de abril
Imaxe dun plenario de En Marea
Imaxe dun plenario de En Marea  

A dirección do partido anuncia un proceso de primarias para unha candidatura ás eleccións xerais da que si sitúan á marxe Esquerda Unida, Podemos nin Anova, que traballan na súa propia opción para esa cita coas urnas.


A imaxe de dúas mareas diferentes e diferenciadas concorrendo ás eleccións xerais do vindeiro 28 de abril cobra cada vez máis forza. O adianto electoral semella que actuou como acelerador das desavinzas e fendas internas existentes neste espazos desde hai tempo e que o paso dos meses, e o proceso de primarias, non foi quen de apaciguar senón que se acrecentaron.

O Consello das Mareas anunciou este sábado o inicio dun proceso de primarias para confeccionar as candidaturas de En Marea ás cortes españolas. Candidaturas para, como insistiu nestes días Luis Villares,concorrer como partido e poder ter un grupo soberano e sen dependencias. Mais na mesma mañá en que se anunciaban esas primarias, Podemos Galiza, Esquerda Unida e Anova emitiron cadanseu comunicado no que apontaban a que elas tres ían concorrer como nas anteriores xerais: unha coligazón. Unha ferramenta que deixa fóra En Marea.

Para Luis Villares unha coligazón é repetir "un erro". "Presentarse ás Xerais como unha coalición non servirá para ter grupo parlamentario propio. Convén non enganarse sobre isto, non hai forma xurídica que o permita", indicou o portavoz de En Marea. Luís Villares lembrou na presentación destas primarias (do 16 de febreiro ao 13 de marzo) que a "unidade fana as persoas, non os partidos". Engadiu que "En Marea naceu como un espazo no que cabemos todas e todos. Un espazo con capacidade plena de participación onde non houbese militantes de primeira nin de segunda. Esa foi a grande achega política que En Marea fixo a política galega: a superación dos partidos para establecer un espazo de unidade"


Porén, eses partidos que En Marea quería superar, parecen dispostos a estar presentes nas eleccións xerais do 28 de abril e a estalo, ademais, seguindo a mesma fórmula que nos comicios xerais de 2015 e 2016. Podemos, Esquerda Unida e Anova anunciaron que iniciaban un "diálogo" no que non se mencionaba En Marea.


"Podemos Galiza iniciamos o diálogo entre as tres forzas que nos xuntamos en 2015 para impulsar, en concordancia coas mareas muncipalistas, a coalición electoral que levou a voz de máis de 400.000 galegas e galegos ao Congreso e ao Senado". O comunicado da formación que lidera en Galiza Antom Gómez Reino fala ás claras: a candidatura para o 28 de abril será cousa de Podemos, Esquerda Unida e Anova. A En Marea nin se lle cita nin se lle espera.


Pola súa banda Anova, a primeira en emitir o comunicado, anunciaba un "proceso de diálogo" con forzas "aliadas" para definir como concorrer ao 28A. "O diálogo céntrase, indican, nas forzas coas que colaboraron neste tempo. "Imos dar continuidade ao camiño da Unidade Popular que iniciaron AGE, as mareas municipalistas e o Acordo de Mazarelos que subscribimos Anova, Esquerda Unida e Podemos, e a Asemblea de Vigo".


Esquerda Unida tamén falou de iniciar os “contactos” cos “espazos políticos” cos que traballa , apostando en repetir para o 28A a fórmula das anteriores eleccións xerais, con Podemos e Anova. Considera EU “especialmente importante” articular un “proceso de refundación da unidade popular en Galiza”



x