ANA PONTÓN, ANTE O 25X

"É necesario derrotar o pesimismo e ter confianza nas posibilidades do país"

"É necesario derrotar o pesimismo e ter confianza nas posibilidades do país"
Ana Pontón, durante a entrevista
Ana Pontón, durante a entrevista  Laura R. Cuba

Este non é un Día da Patria Galega máis. É o número 50 convocado como tal. Este non é un contexto político máis. Raxoi fóra da Moncloa e Feixóo, coas ás cortadas en Monte Pío, fóra de toda opción de alcanzar o despacho presidencial da Rúa Génova. Hai algunhas cousas que, en troca, permanecen. A invisibilidade de Galiza no estado, por exemplo. O estancamento dos problemas estruturais do país, a súa crónica dependencia de Madrid. E no horizonte, un combate electoral, as eleccións municipais, con todo o aspecto de ser as primarias das galegas 2020. Converso sobre todo iso con Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, nas vésperas do 25X, o día que fai latexar con máis forza o corazón do nacionalismo galego.


É segunda feira, 16X. Falamos no seu espacioso despacho, no Parlamento. Ana Pontón (Sarria, 1977) sabe ben o que quere transmitir. Se o teño que resumir nunha idea sería esta: Galiza ten que confiar en si propia para resolver os seus problemas. Calquera outra vía leva o país a languidecer no estancamento. Estas 5 décadas demóstrano sobexamente, vén dicir entre liñas a líder do BNG, para quen é perfectamente posíbel que as municipais de 2019 permitan ver á sociedade galega que si existe unha alternativa ao réxime feixoniano. Unha alternativa que, para ser real, debe conter un componente nacionalista reforzado, enfatiza Pontón.

-Este Día da Patria Galega ten a ver cunha efeméride. Fanse 50 anos da primeira manifestación nacionalista durante a ditadura, a primeira despois da amputación que sofreu o país co golpe de xullo de 1936. Que significado ten isto para o Bloque?

-O que pon de manifesto é que somos unha organización política con historia. Temos unha historia de loita anti-franquista e á vez de reivindicación da nosa condición nacional. Estas cinco décadas demostran que o nacionalismo non é unha eventualidade para Galiza, senón unha necesidade. O que revelan é que o nacionalismo é máis necesario que nunca para o noso país.

-En todo caso, este medio século de historia viría significar que o nacionalismo non é unha moda pasaxeira.

IMG_0224-Non, creo que o nacionalismo está de moda, pero non é unha moda [ri]. Son cousas diferentes. A alternativa a unha globalización que nos precariza e empobrece encárnana precisamente os movimentos nacionalistas. Na Galiza e en toda Europa.

-No retrouso da #Cancióndo25 que presentastes para chamar á participación este Día da Patria Galega fálase de "sumar as forzas, man con man". Que forzas? Digo porque a bon seguro que haberá alguén que diga que o BNG está a lanzar unha OPA a algún grupo organizado...

-O BNG está para sumar a todas as galegas e galegos que comparten connosco que Galiza necesita forzas políticas propias, que temos que autoorganizarnos, que temos que defender os nosos intereses, que con máis poder político nos iría mellor. Nós queremos sumar todas esas persoas porque é necesario unirnos en defensa de Galiza.

-Pero persoas ou forzas?

-A ver, nós estamos falando de sumar todas as persoas que cren que é necesario que haxa forzas políticas propias. No espazo político si que non vexo outras alternativas que queiran compartir connosco ese principio básico, que é o principio de auto-organización, de defensa dos intereses de Galiza por riba doutros, o principio de que as decisións non as teñen que tomar as cúpulas dos partidos estatais, senón que as temos que tomar nós aquí.

-Estes días atrás foi notorio como desde medios situados na órbita do PP se deslizaba unha certa deslexitimación do Día da Patria Galega, como se fose un residuo arqueolóxico, como se non tivese neste momento ningún sentido.

-Isto fai parte do proceso recentralizador e dunha ideoloxía que quere anular Galiza como nación. Unha ideoloxía que sabe que a peza angular que pode provocar unha ruptura democrática no estado español son os nacionalismos. Estamos no medio dunha ofensiva centralista que ten en Núñez Feixóo un dos seus protagonistas. Vimos estes días, na véspera do encontro con Pedro Sánchez, como plantexaba algo así como que o problema de Galiza era Euskadi e Catalunya, non o centralismo. É o mundo ao revés. Esa é a ficción, o relato que tenta construír o PP, e que eu entendo que non é privativo dese partido, senón do conxunto do españolismo.

-Ti costumas dicir que Feixóo non ten proxecto de país. Mais quen non teña moi claro cal é o proxecto de país do Bloque, que se vai encontrar no teu discurso o Día da Patria Galega?

-Nós imos ter un discurso en positivo, un discurso de sumar, de pór o dedo nos problemas que ten Galiza e, sobre todo, na idea de que se confiamos nas nosas propias forzas podemos avanzar, podemos mellorar. É necesario derrotar o pesimismo, que é un dos maiores problemas que temos como sociedade, o de crer que non somos capaces de facer as cousas. A obriga de calquera militante nacionalista, sendo realista a respecto da realidade na que vivimos, é a de construír desde a ilusión, desde o optimismo e desde a confianza nas nosas propias posibilidades.

IMG_0223

-O contexto en que se realiza este 25X é bastante distinto ao do ano pasado. Raxoi non está na Moncloa e Feixóo non tivo apoios suficientes para dar o salto a Madrid, que era o seu obxectivo político número 1. Podemos deducir que o PP está máis débil ou a oposición non debería fiarse?

-Non creo que podamos fiarnos de que en Galiza o PP sexa ou vaia ser un adversario débil. Todo o contrario. Cometeríamos un erro de facer esa análise. O que si creo é que temos que fortalecer a alternativa do BNG porque somos quen estamos a facer fronte á involución que representa o PP e porque eu acredito que o BNG é quen ten o proxecto político que lle pode dar futuro á xente neste país.

-Pero en todo caso Feixóo si que parece un pouco tocado, non o ves así?

-En fin, a política está moi inestábel, o que hoxe parece unha cousa mañá resulta que é outra, igual que hai tres meses había moita xente que diagnosticaba que Sánchez era un cadáver político e agora ten que tragar as súas palabras. Por tanto, antes que realizar unha análise sobre a debilidade ou fortaleza que poida ter un actor político, neste caso o señor Feixóo, o que debemos facer é centrar o noso labor en fortalecer o proxecto do BNG, en sumar máis xente, en preparar con entusiasmo todo o proceso das eleccións municipais. Porque si que creo que a posibilidade de producir un cambio político en Galiza en 2020 [ano das próximas eleccións autonómicas] ten máis que ver co que nós fagamos aquí nas municipais do que coa dinámica estatal.

-En todo caso, o congreso do PP revelou que ese partido non é precisamente na Galiza o monolito homoxéneo que a prensa do réxime sempre nos ten retratado.

-Iso xa o sabíamos. Viuse nos congresos provinciais do PP. Perdeu a candidata de Feixóo en Lugo, é evidente que Baltar é incómodo para Feixóo e é claro que o que une o PP é o poder. É un amalgama de intereses diversos. Si teñen a habilidade de lavar os trapos suxos na casa, mais iso non quere dicir que non haxa problemas moi de fondo no PPdeG. Mais que problemas, diría guerra internas.

IMG_0216

-E o feito de que aparentemente Feixóo apoie o candidato máis estremista, un Pablo Casado que até defende a ilegalización dos partidos independentistas, non te sorprende?

-Feixóo está a manter unha calculada equidistancia. Feixóo vai ser do candidato que gañe. Iso define 100 por 100 Feixóo. En todo caso, el é un anti-nacionalista convencido. Insisto: na previa do encontro con Sánchez na Moncloa, na vez de defender Galiza, o que fai é oposición a Euskadi e Catalunya. E faino porque el o que quere cultivar é precisamente o anti-nacionalismo porque el sabe que esa é a principal arma de defensa que temos os pobos fronte ás oligarquías globalizadas.

-Hai tamén un elemento distinto no contexto a respecto de 2017. Refírome ao certo relaxamento que se está a producir nas tensións entre Catalunya e o estado. Como valoras o desenvolvimento dos últimos acontecimentos?

-Ben, é evidente que estamos perante unha certa mudanza na estratexia das forzas soberanistas catalás coa que tencionan ir a un proceso de acumulación de forzas maior. E eu creo que é unha estratexia que lles pode xerar unha certa contradición interna, mais do ponto de vista político é intelixente, porque o pior que lle podía pasar a Catalunya, e tamén ao resto das nacións sen estado, é a consolidación do 155. Se ese escenario se tivese consolidado, estou certa de que o seguinte paso que tería dado o estado sería, no medio prazo, a eliminación de facto de calquera autogoberno, precedida dunha represión brutal e dun recorte de liberdades cada vez maior. Nese sentido, aínda que é un proceso complexo internamente, a vía que abriron é intelixente porque lles permitirá chegar a máis pobo.

-Estamos a facer esta entrevista a segunda feira 16 de xullo e este día faise o 20 aniversario da Declaración de Barcelona. E desde algúns sectores a impresión que pode haber é que a alianza dos tres nacionalismos hoxe non é tan sólida como naquela altura.

-Coa Declaración fíxose unha escenificación que do ponto de vista do BNG non era só unha alianza das tres nacións, senón un acordo através do cal se transmitía a idea de que o Bloque de repente tiña unha relación preferencial co que daquela era CiU e co PNV. Digamos que aí había un xiro táctico, unha decisión táctica dentro do nacionalismo, que en todo caso compriría analizar na clave na que se produciu. O obxectivo era consolidar o nacionalismo como forza hexemónica. A idea é que a Declaración axudaría á consecución dese obxectivo. E penso que demostrou a súa utilidade no seu momento, aínda que non estivese exenta de contradicións. Eu creo que hoxe nós estamos nunha posición diferente, o debate político dáse noutros termos no estado, e o que hai son relacións moi fluídas entre as organizacións nacionalistas de diferentes segmentos, é todo máis plural dentro das nacións sen estado. E aí o noso obxectivo debería ser unha Galeuscat completa, que agrupase todas as forzas nacionalistas. A involución democratíca que levamos vivido no Estado español —e aínda que pareza adurmiñada pola chegada de Sánchez, esa involución continúa aí, o marco político non se moveu nen un milímetro— torna necesario que exista unha maior coordenación entre todas as forzas nacionalistas. No futuro, ese é un escenario plausíbel, aínda que estexa un pouco verde neste momento.

IMG_0209

-O BNG vai traballar nesa dirección?

-Nós estamos tendo relacions con todas as forzas políticas. Témolas preferenciais coas forzas máis do ámbito da esquerda, mais a contradición principal que hai no estado é a nacional, así que penso que sería unha iniciativa moi potente recuperar un Galeuscat en que esteamos todas as forzas políticas nacionalistas.

-É certo que houbo mudanza na Moncloa, mais os alicerces do réxime de 1978 continúan firmes. Eis a posición do Goberno Sánchez sobre as revelacións verbo da corrupción do anterior xefe do estado.

-Da corrupción da monarquía. Porque eu creo que non é problema só de Juan Carlos.

-Si, da monarquía. En todo caso, aí parece que hai un límite que o PSOE non está disposto a ultrapasar.

Penso que sería unha iniciativa moi potente recuperar un Galeuscat en que esteamos todas as forzas políticas nacionalistas

-O PSOE é un vello coñecido. Ten moita capacidade para se vestir de moderna ou de moderno, mais o PSOE é o PSOE. E é certo que os primeiros pasos que leva dado do ponto de vista de debates importantes, como pode ser a derrogación das reformas laborais, da lei mordaza, ou da LOMCE, son bastante decepcionantes, acabamos de o ver na cimeira de OTAN, é vergoñento que o estado español manteña o compromiso de investir 2 por cento do PIB en armamento; cando o comparas co que investimos en I+D+i, sería como para que lle saísen as cores a calquera goberno que se queira declarar progresista. E cando falamos do trato con Galiza, o PSOE oferece unha alternancia na discriminación e no ninguneo a este país e na negación de que nós somos unha nación sen estado.

-Xa para acabar con este pequeno percorrido polo estado. En Euskadi PNV e EH Bildu pactan unha reforma do Estatuto para propor unha confederación de estados nacións. O Bloque está máis perto desa proposta ou das formulacións independentistas catalás? Ou o BNG vai formular unha vía distinta, propia?

-A ver, nós xa temos a nosa vía proposta, as Bases Democráticas, que penso que están máis próximas dunha proposta confederal do que doutro tipo, non? Iso, ademais, é o coherente co que nós defendemos nas nosas propias teses [as aprobadas pola formación soberanista galega nas súas asembleas nacionais]. É certo que o impulso que nós lle podamos dar a este debate é moi distinto ao que lle podan imprimir en Euskadi ou Catalunya, porque no caso galego é o BNG en exclusiva quen está a abrir o debate sobre cal ten que ser a posición de Galiza. O único debate que se produciu aquí [no Parlamento galego] impulsámolo nós, cun carpetazo do PP e do PSOE e cun apoio non moi entusiasta de En Marea, que tampouco acaba de definirse sobre cales son as súas propostas neste ámbito. Aquí a equidistancia parece que tamén funciona. En todo caso, nós temos que seguir defendendo un cambio de marco político para Galiza, mais tendo moi claro que temos que lograr un maior apoio social ao nacionalismo no país para que unha proposta deste tipo poda ter o impacto que poda ter en Euskadi, onde o nacionalismo é maioritario e onde iniciativas deste teor poden ser viábeis mesmo do ponto de vista da aritmética parlamentar. É evidente que a realidade que nós temos non é igual e sería un erro actuar mimeticamente a respecto do que fan cataláns ou vascos.

-O próximo curso político ten unha cita en vermello, que son as municipais, que parece que están aínda algo lonxe, pero que están aí.

-Non, lonxe, non, están aí.

-Si, pois vaiamos a elas. Que resultados serían satisfactorios para o BNG nesas eleccións locais?

-Nunhas eleccións municipais prodúcense situacións moi diversas e, por tanto, os hipotéticos resultados admiten moitas lecturas. Nós estamos nun momento en que estamos recuperando apoio electoral, apoio social. Enfrontamos con decisión ese reto. Se falamos das cidades, para nós é clave manter a alcaldía de Pontevedra e incrementar a nosa representación, con presenza en todas elas. Sei da importancia das cidades, mais interpretar as municipais só na súa clave é facer unha lectura moi nesgada. E nós imos a un obxectivo non só de consolidar, senón de ampliar alcaldías, e mellorar as posicións que tivemos nas pasadas municipais, sabendo que hai un escenario distinto ao de hai 4 anos.

-Inevitabelmente as municipais vanse ler tamén en clave de primarias das galegas. E nas galegas o que se ve, alén, da incógnita esa coa que andaremos arriba e abaixo sobre se Feixóo se presenta ou non outravolta...

-Esa é a precampaña de Feixóo.

-Si, mais o certo é que estaremos a darlle voltas a esa historia de se é ou non candidato.

IMG_0214-Eu non [risos].

-Pois se deixamos fóra a variábel Feixóo, temos outro factor a ter en conta. O do estado da oposición no seu conxunto, isto é, as tres forzas que en teoría deben constituír unha maioría parlamentar distinta á do PP. E nese campo o que vemos agora mesmo é unha lea permanente e pouco menos que indescifrábel no espazo de En Marea. Como valoras ese asunto e a súa influencia na percepción que poda ter a xente sobre a verosimilitude dunha alternativa a Feixóo?

-Eu teño así un pouco por norma non entrometerme nos problemas internos doutras organizacións. Polo tanto, non digo nada que non se coñeza se afirmo que En Marea ten problemas internos serios e eu o que lles desexo é que sexan capaces de solventar as súas diferenzas. A partir daí, nunhas eleccións galegas o noso obxectivo como forza política é ser a forza que teña capacidade para aglutinar un voto que serva para que se produza un cambio neste país. O BNG está en condicións de dar un salto importante se facemos ben as cousas, interna e externamente. Estamos na boa dirección. O noso obxectivo non é centrarnos no que fan os outros grupos da oposición, senón conseguirmos que as galegas e os galegos nos vexan como unha alternativa sólida na que confiar para poder desaloxar o PP da Xunta. Un PP que ten unha xestión, en termos sociais, económicos e políticos, nefasta.

-Nese sentido, cres que gobernos de coalición despois das eleccións municipais favorecerían a percepción desa alternativa?

-Nas municipais están en xogo os gobernos dos concellos, mais está claro que teñen unha lectura autonómica. Se somos capaces de debilitar aínda máis o PP, do ponto de vista do seu poder local, estaremos dando un paso de xigante para outorgarlle credibilidade á idea de que si é posíbel un cambio en Galiza. En todo caso, as galegas e os galegos si que poden ter a seguridade de que o BNG sempre vai favorecer gobernos alternativos aos do PP.  Non imos permitir que a dereita goberne alí onde non teña apoios cidadáns para o facer. Eu si teño confianza de que a alternativa é posíbel, unha alternativa que evidentemente aquí neste país ten tres patas e nós o que estamos facendo é que o nacionalismo teña cada vez máis peso. Nese sentido, creo firmemente que os problemas de Galiza son complexos e as solucións teñen que vir de nós mesmos, de forzas políticas propias. Non podemos ser un corta e pega nin de Madrid nin de Barcelona. Eu iso téñoo absolutamente claro.

Non podemos ser un corta e pega nin de Madrid nin de Barcelona

-Para fechar o círculo, nas vésperas do 25X, se hai xente que está a dubidar se ir ou non á manifestación, que lles dirías para animala a que vaian?

-Este 25X é especial non só porque se fan eses 50 anos, que iso sempre ten esa cuestión afectiva de pór en valor unha xeración valente que deu o mellor de si para levantar un proxecto nacionalista, senón porque este 25 é máis importante que nunca. Estamos vendo como Galiza está absolutamente desaparecida do mapa estatal. Estes 10 anos de sumisión de Feixóo a Raxoi e a falta de forzas políticas propias que nos defendan no congreso conduciron a que Galiza estea absolutamente invisíbel. Fronte a iso é vital que emerxa a Galiza inconformista e rebelde, a Galiza que o nacionalismo representou ao longo destas cinco décadas e que continúa a representar agora. En definitiva, este 25X convocamos a todas as galegas e os galegos que queren un cambio real para o país. O que queremos é xusto iso, sumar máis xente a prol da Galiza, a prol dunha vida mellor para todas e todos.


 

As fotografías que acompañan esta entrevista son de Laura R. Cuba