As eleccións déixano todo case igual, mais polarizan as posicións

As eleccións déixano todo case igual, mais polarizan as posicións
Pedro Sánchez, durante as votacións deste 10-N. (Europa Press)
Pedro Sánchez, durante as votacións deste 10-N. (Europa Press)  
O Goberno do Estado segue no ar. Os resultados foron case calcados aos de abril, cun par de matices importantes: as forzas nacionalistas das nacións sen Estado saen reforzadas e a ultradereita de Vox ocupa o espazo de Ciudadanos.

O Partido Socialista de Pedro Sánchez volveu gañar as eleccións, mais perdeu apoios e vantaxe nestes seis meses de Goberno en funcións concentrado nunha campaña constante. Co 99% do voto escrutado, os socialistas fican en 120 escanos con 6,5 millóns de votos. A estratexia saíulle mal a Pedro Sánchez. Terá aínda menos forza que en abril para decidir a cor do Goberno, pero as mesmas posibilidades de enrocarse. 

 
 

 

A dereita subiu con forza. O PP case o que avanzaban as enquisas: 88 actas. Lonxe do seu teito histórico, pero mantendo a distancia co segundo competidor por ese lado: Vox. O partido de ultradereita ocupa o espazo de Ciudadanos. É causa o maior impacto do 10-N a nivel estatal: pasan de 24 a 52 actas. Aínda cun C's moi rebaixado, as tres chamadas tres dereitas suman 150 deputadas.

Practicamente o mesmo que PP e Unidas Podemos (máis confluencias) xuntos. Os de Pablo Iglesias seguen en caída, suman 35 actas, 7 menos que en abril. As votantes pasáronlles facturas a socialistas e morados. Errejón apenas suma, 3 escanos. 

O 'cleavage' territorial

O escenario estatal que se reparten entre os 5 partidos queda dividido en dous bloques igual de fortes á dereita e á esquerda. Pero o punto de fractura no Estado está noutro cleavage, o que marcou esta longa campaña: a cuestión das nacións sen Estado dentro do Reino de España, a fenda territorial.

Na Galiza o BNG superou de novo a barreira dos cen mil sufraxios e volve colocar un representante no Congreso. Galiza estará presente nese debate, que é o gran debate pendente no Estado. En Euskadi, o PNV e EH Bildu melloraron posicións. E os de Otegi suman un acta máis por Nafarroa. Haberá 12 deputadas vascas no Congreso. En Catalunya, ERC paga o desgaste, perde dúas actas, pero gañou as eleccións con 13 deputadas. JxCat consegue unha máis, 8; e as CUP entran con 2. Total, 23 escanos do bloque independentista catalán, máis 12 vascos e 1 galego. 

O escenario que marca a fenda territorial parece desequilibrado: PSOE, PP, Vox, Ciudadanos, Navarra Suma e Errejón teñen 274 actas. As nacionalistas, 36. Pablo Iglesias e os comúns cataláns e galegos fican en terra de ninguén.

Ou acordos con nacionalistas ou gran coalición

Neste escenario, as diferenzas entre esquerda e dereita tenderán a desaparecer. Pedro Sánchez non quere pactar con Pablo Iglesias e agora ten menos razóns para facelo. Necesitaría ademais do apoio de forzas nacionalistas: ERC, PNV e mesmo o BNG xa mostraron a súa disposición ao diálogo. Pero porán condicións. A fronte da Declaración da Llotja de Mar, malia a ausencia do PNV, é unha fronte estratéxica. 

Non parece a solución máis probábel ao bloqueo para formar Goberno. A alternativa está na gran coalición. Precisamente a que negaron tanto Pedro Sánchez como Pablo Casado durante a campaña electoral. Pero falarán. Hai fórmulas que rebaixaran os custes para ambos. Mais o PP podería intentar darlle a volta a situación. Sánchez perdeu toda a vantaxe con Casado. Agora si, as dereitas teñen un candidato con posibilidades.

Teruel Existe, tamén no Senado

Co escrutinio no 99%, o reparto no Senado segue a favorecer ao PSOE, que obtén 92 cadeiras, mais perde 31. O PP recupera case o mesmo número e sitúase nas 83. O resto de forzas fican moi atrás por efecto do sistema electoral. ERC conserva os seus 11 senadores e o PNV os 9. 

Teruel Existe, que alcanzou un escano no Congreso, suma aquí os dous pola circunscrición. É a gran anécdota do 10-N. Mais a tendencia parece favorecer proxectos uniprovinciais. O PRC cántabro mantense no Congreso, e no Senado entran Agrupación Socialista Gomera e Coalición por Melilla, cun escano cada unha. Ciudadanos, camiño do desastre, perde os seus 4 senadores.