AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... GUADI GALEGO

"A UE ten un problema grande coas fronteiras que ten que subsanar"

"A UE ten un problema grande coas fronteiras que ten que subsanar"
Guadi Galego
Guadi Galego  

O medio, a enerxía e as fronteiras son os principais retos que afronta Europa a ollos da artista e música Guadi Galego, quen avoga por unha maior implicación do continente en crear un modelo internacionalista, social e sostíbel para salvar o planeta en lugar de manter o modelo da UE dos estados e o capital.


Cales son as prioridades de Galiza dentro da política da UE?

Vemos lonxe as políticas que teñen que ver coa Unión Europea, entre outras cousas porque as informacións que nos chegan sobre elas son moi sesgadas. Mais o certo é que aí córtase moito bacallau a nivel orzamentario, en subvencións e en decisións políticas transcendentais en materia de enerxía, do medio, das fronteiras.... aspectos de grande importancia para Galiza por exemplo, no tema da enerxía, con todo o que xeramos e o custo que nos supón.

Por tanto, as prioridades para Galiza son trasladar os problemas do país.

Cales son as emerxencias polas que está pasando o continente?

Europa ten un problema grande coas fronteiras que ten que subsanar e a extrema dereita é parte precisamente do problema. Vendéronos a Europa dos pobos, e resultou ser unha mentira, xa que realmente a Unión continuou a ser a Europa do poder económico, e así o leva demostrando durante moito tempo.

Outro problema grave que ten Europa é o que antes comentaba en relación ás enerxías e o ecoloxismo. Debe tomarse unha decisión rápida e común para todos os países da Unión que nos leve a salvar o planeta porque se non teremos graves dificultades.

Que bota en falta nos temas que se están a tratar na campaña?

Non son eu moi seguidora da campaña, se cadra, porque teño bastante clara a miña ideoloxía e, aínda que sempre teño dúbidas cando vou votar, nos últimos anos téñoo máis claro.

Cara a onde debería camiñar Europa?

Unha Europa máis plural e máis internacionalista, que se preocupe máis dos dereitos humanos e que se esqueza daquela Europa do estado do benestar que nos venderon pero que realmente era o capitalismo absolutista. Temos que pular pola Europa social de verdade.