“Estas eleccións van de que Galiza teña voz”, di Pontón na Coruña

“Estas eleccións van de que Galiza teña voz”, di Pontón na Coruña
Ana Pontón, con Néstor Rego e Francisco Jorquera, e as candidatas pola Coruña esta sexta feira na Cidade Vella coruñesa.
Ana Pontón, con Néstor Rego e Francisco Jorquera, e as candidatas pola Coruña esta sexta feira na Cidade Vella coruñesa.  
A líder nacionalista participa na presentación das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado pola circunscrición da Coruña, onde Néstor Rego volve contar con opcións de lograr un escano como deputado e devolver o Bloque ao Parlamento español.

“Estas eleccións non van de Sánchez nin de Casado; van de que Galiza teña voz en Madrid”, dixo Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG esta sexta feira na presentación das candidaturas nacionalistas para as estatais do 10-N na circunscrición da Coruña.

“Seis meses despois volvemos estar diante dunhas eleccións xerais, as cuartas en cinco anos, o que demostra a inutilidade dunhas forzas políticas estatais que están máis preocupadas polos seus intereses partidistas que por poñerlle solución aos problemas da Galiza e do Estado español”, sinalou a líder nacionalista. “A xente vai tomar nota e converter esta inutilidade nunha oportunidade para que Galiza teña voz propia no Congreso a través do BNG, porque somos a única forza política coas mans libres para defender Galiza”, reflexionou Pontón durante o acto que tivo lugar na Praza de Azcárrega da Coruña.

“Esta campaña vai de que Galiza poida mudar o rumbo e defender a nosa dignidade como nación”, insistiu Ana Pontón.

A candidatura pola Coruña volve estar encabezada por Néstor Rego (O Vicedo, 1962), concelleiro na corporación de Compostela entre 1995 e 2008, e actual secretario xeral da UPG. Como número dous continúa María Xosé Bravo, exconcelleira na Coruña e docente, e como número tres, Ramón Fernández Alfonzo, sindicalista da CIG en Ferrol. 

O BNG sumou algo máis de 45.000 apoios nas estatais de abril na Coruña e aspira a recuperar o escano por esta circunscrición que obtivo por última vez en novembro de 2012.

Néstor Rego reivindicou a “traxectoria e o compromiso de loita” das persoas que integran a lista e agradeceu a Compromiso por Galicia a súa implicación. “Imos cumprir coa cidadanía, non imos fallar”, prometeu Rego que se dirixiu “a toda esa Galiza que quere que as cousas muden”.

Novidades

Entre as novidades da candidatura ao Congreso aparecen Monserrat Almozara, militante de Compromiso por Galicia no número seis; e como segundo suplente Bruno Lopes Teixeiro, activista ferrolán cunha longa traxectoria de compromiso independentista e que se incorpora como independente. 

“As persoas da comarca achegan luz, traballo e poesía á candidatura do BNG”, dixo Francisco Jorquera, concelleiro nacionalista na Coruña, en referencia a María Xosé Bravo, o actor Miguel Pernas, o poeta e mariñeiro Xosé Igrexas e a escritora Mercedes Queixas, que completan a lista ao Congreso.

As titulares da lista do BNG ao Senado pola Coruña son Tereixa Novo, Laura Tato e Xosé Deira Triñanes. 

No resto das circunscricións galegas o BNG presentará como números un ao Congreso a Carme Da Silva (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Francisco García (Ourense).