VIGO APÓS O 26M

Elena Muñoz demite após a caída do PP en Vigo

Elena Muñoz demite após a caída do PP en Vigo
Elena Muñoz [Imaxe: @PPdeVigo]
Elena Muñoz [Imaxe: @PPdeVigo]  

A candidata do PP á alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, abandona a primeira liña política e comunica ao partido que non tomará posesión como concelleira. Demite tamén como presidenta local do PP. Nestas eleccións baixou 3 actas, quedando tan só con 4 dun total de 27.


A líder do PP en Vigo, Elena Muñoz, comunica a súa retirada da primeira liña política e traslada ao partido a decisión de non tomar acta como concelleira. Demite tamén como presidenta local do seu partido, após uns resultados que deixan o PP en mínimos históricos, baixando da xa cativa representación acadada no 2015 (7 actas) a quedar o pasado domingo electoral con tan só 4 edís nun consistorio que conta cun total de 27.

Muñoz non recollerá a súa acta de concelleira, tomando nota dos 20.460 votos recibidos en Vigo 

Muñoz non recollerá por tanto a súa acta de concelleira, tomando nota dos 20.460 votos recibidos en Vigo fronte os 101.058 colleitados por Abel Caballero e a súa nova maioría absoluta.

Elena Muñoz era conselleira de Facenda da Xunta de Alberto Núñez Feixoo e un dos novos valores que despuntaba no seu equipo. Porén, o presidente designouna en 2015 candidata á alcaldía de Vigo e xa neses comicios experimentou un insólito chan electoral para o Partido Popular. Desde entón, a ampla maioría de Caballero, que foi quen de conciliar apoios no votante de dereitas, acurralou a Muñoz e o seu equipo non foi capaz de erguer cabeza nestes catro anos.

A popular baseou a súa decisión “desde a coherencia e a asunción dos malos resultados”

Na rolda de prensa ofrecida por Muñoz, a popular baseou a súa decisión “desde a coherencia e a asunción dos malos resultados”, e informou que viña de comunicar á xunta local do seu partido, ao presidente provincial e o galego que non tomará posesión e que apresentará a súa demisión como presidenta local.

“Antes de entrar en política sempre valorei necesario saber chegar e sobre todo saber marchar, así como tomar decisións e non dilatalas” afirmou Muñoz en rolda de prensa, e asegurou que agora “é o momento en que me teño que facer a un lado”. Así mesmo, anunciou o seu compromiso en seguir colaborando co PP.

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña pola Marea Atlántica, tamén anunciou que non tomaría acta

É a segunda vítima de calado após a suba do PSdeG e a caída do PP e das mareas locais nas eleccións municipais do domingo 26 de maio. Esta semana, Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña pola Marea Atlántica, tamén anunciou que non tomaría acta como edil no novo consistorio debido aos malos resultados da súa candidatura.