AS DÚAS LISTAS MÁIS VOTADAS OBTEÑEN 798 VOTOS CADA UNHA

Unha moeda, posíbel desempate das eleccións en Monterroso

Unha moeda, posíbel desempate das eleccións en Monterroso
A Casa do Concello de Monterroso, na Ulloa. Foto: cedida.
A Casa do Concello de Monterroso, na Ulloa. Foto: cedida.  

Unha moeda ao aire será, probabelmente, quen decida a configuración final da corporación de Monterroso, na bisbarra da Ulloa, corazón xeográfico de Galiza. As dúas listas máis votadas empataron a 798 votos e tres edís. Se os recursos presentados polas partes na Xunta Electoral de Zona de Chantada non prosperan, un sorteo outorgará o cuarto edil.
 


O PSOE, encabezado por Rafael García, e Independentes por Monterroso, cuxo candidato é quen fora 16 anos alcalde da vila, antes deputado e histórico militante socialista Antonio Gato, son as formacións que disputan o cuarto concelleiro. Non é unicamente unha cuestión de honra: nun pleno con catro partidos, quen obteña esa acta será a que poida optar a investir alcalde no caso de non haber pactos.

Ademais de socialistas e independentes -maiormente simpatizantes do PSOE en desacordo coa dirección local-, acadaron representación o PP, con tres asentos e 695 votos, e Compromiso por Galicia, un e 330 sufraxios. A xeometría de acordos é incerta, difícil. Gato xa afirmou en público que non quere saber nada do seu anterior partido e olla cara aos populares. Mais estes non se acaban de sentir cómodos co seu antigo adversario, que os sepultou con catro maiorías absolutas entre 1999 e 2011.

Esta cuarta feira a Xunta Electoral recolleu as alegacións e impugnacións correspondentes. O PSOE deposita as súas esperanzas na reconsideración dun voto nulo. Trátase do emitido a prol da candidatura de García, pero nun sobre azul, o das eleccións europeas. Se o órgano denega a reclamación, o azar tomará a palabra en Monterroso.