PRESENTACIÓN DAS TESES DO PLENARIO DO 27-O

En Marea quere ter máis visibilidade no Parlamento europeo

En Marea quere ter máis visibilidade no Parlamento europeo
Un momento da conferencia de imprensa [Foto: En Marea]
Un momento da conferencia de imprensa [Foto: En Marea]  

Con vistas ás eleccións ao Parlamento europeo, En Marea procurará alianzas con outros espazos que se terán de basear "no respecto á pluralidade, na democratización, na igualdade ou na defensa dos dereitos sociais", avanzou Luís Villares esta quinta feira na presentación do próximo plenario da confluencia, a realizar o sábado 27 de outubro. Nel vaise dar luz verde ás primarias para a escolla da nova cúpula da organización. 

 

 


Na Marea a cadencia de plenarios (equivalentes a congresos ou asembleas nacionais) é semestral e a próxima cita, en principio axendada para xaneiro de 2019, foi avanzada a finais deste mes após intensas presións do sector crítico, agrupado baixo a chamada Mesa da Confluencia que lidera o alcalde de Compostela, Martiño Noriega.

O plenario —que terá como escenario a Faculdade de Ciencias Económicas e Empresariais de Compostela— terá basicamente dúas tarefas por diante: fixar o calendario e o regulamento da elección do Consello das Mareas —máximo órgao da organización entre asembleas— e determinar a forma en que o partido instrumental vai concorrer ás eleccións europeas.

Cumpre lembrar que nas últimas eleccións a Bruxelas, 2014, En Marea non existía. O seu embrión —AGEe— obtivo un escano nunha candidatura conxunta con Podemos e Esquerda Unida, o de Lidia Senra. Esta quinta feira, na conferencia de imprensa en que se deron a coñecer as liñas mestras do conclave deste 27-O, Luís Villares afirmou que as teses a debate —elaboradas, enfatizou, coas achegas das bases da organización nos chamados Encontros Provinciais— se inclinan por unha alianza con outros espazos baseada  "no respecto á pluralidade, na democratización, na igualdade ou na defensa dos dereitos sociais...".

O obxectivo, en todo caso, sería outorgar a En Marea "máis visibilidade" no Europarlamento, informa a organización en comunicado de prensa.

No encontro cos medios, Elena Cores, da Coordenadora (equivalente á executiva nacional), foi a encarregada de debullar a orde do día do plenario. Constará de dúas sesións. Na da mañá, e após a aprobación do regulamento da asemblea, será o momento en que rendan contas o grupo parlamentar do Pazo do Hórreo e as e os deputados das Cortes Xerais do Estado. Alén diso, o debate vaise centrar na aprobación do calendario e regulamento da elección do Consello das Mareas.

Xa na sesión vespertina, a militancia presente no plenario vai submeter a debate as teses desta cita congresual, un relatorio alicerzado sobre dous temas: a situación no estado após a moción de censura e a forma de concorrencia da confluencia ás eleccións europeas.