MUNICIPAIS E EUROPEAS 2019

Enquisa CRTVG: PSOE é a forza máis votada en todas as cidades galegas agás Pontevedra (BNG) e Ferrol (PP)

Enquisa CRTVG: PSOE é a forza máis votada en todas as cidades galegas agás Pontevedra (BNG) e Ferrol (PP)

O PP rexistra retrocesos electorais en todas as urbes de Galiza menos en Ferrol, que é a única das cidades onde Ciudadanos non atinxiría representación. O nacionalismo volvería ter presenza en Ourense e con probabilidades de volver entrar en Vigo, e aumentaría representación no resto das cidades. O PSOE é a forza máis votada na Galiza urbana. As candidaturas municipalistas non serían quen, segundo a enquisa, de revalidar as vitorias de hai catro anos nin en Compostela nin na Coruña nin en Ferrol. 


A CRTVG vén de dar a coñecer os resultados das súas enquisas a pé de urna, nas que entrevistaron 9.478 persoas en case 80 colexios electorais nas sete cidades galegas.

Vigo: Vitoria contundente do PSdeG, de Abel Caballero que atinxiría entre 19 e 21 edís (tiña 17). PP mantense como segunda forza mais cunha baixada importante ao caer das 7 conceleliras actuais a ter entre 3 e 4. Marea obtería segundo esta sondaxe entre 2 e 3. Poden entrar na corporación viguesa BNG e Ciudadanos, con 1 concelleiro cada un.

A Coruña: PSdeG sería a forza máis votada, ao obter entre 8 e 10 edís, aumentando considerabelmente a respecto dos seus 6 representantes actuais. PP lograría 7/8, cando agora ten 10. Marea Atlántica pasaría dos 10 actuais a 6/7, BNG 2/3 (ten 1) e Ciudadanos e Vox poderían acadar representación cun edil cada un.

Ourense: Tamén aquí os socialistas serían a forza máis votada, atinxindo segundo esta enquisa da CRTVG entre 8 e 10 concelleiros e concelleiras (tiña 6). Democracia Ourensana lograría 6/7 (ten 8), PP baixaría das 10 representantes actuais a 6/7, BNG entraría na corporación, logrando 2/3 edís, Ciudadanos 1 ou 2 e Ourense en Común entre 1 ou 2.

Lugo: PSdeG volvería ser a forza máis votada nesta cidade, pasando dos 8 concelleiros e concelleiras que tiña neste mandato a 8/10, PP lograría 7/8 (ten 9), BNG 4/5 (ten 2), Ciudadanos entre 1 e 2, e Podemos e ACE, entre 0 e 1 cada un.

Compostela: PSdeG aumentaría considerabelmente a súa representración ao pasar das 4 edís que ten a atinxir 8/10, Compostela Aberta obtería 7/8 (ten 10), PP 5/6 (ten 9), BNG entre pasaría das 2 actuais a 3 e 4, Ciudadanos podería entrar con 1 edil.

Ferrol: única cidade onde o PP é a forza máis votada. Tería entre 10 e 12 edís, o que non lledá para gobernar. PSdeG entre 8 e 10, Ferrol en Común entre 3 e 4, BNG entre 1 e 2 e Ciudadanos podería entrar con 1.

Pontevedra: Maioría absoluta de Fernández Lores (BNG), que tería entre 13 e 15 concelleiros fronte aos 13 de agora, PP entre 6 e 7; PSdeG entre 3 e 4 e poderían entrar Ciudadanos (1), Podemos (1) e Marea Pontevedra (1).