PP E PSOE EMPATARÍAN NA GALIZA

A enquisa da Forta mantén a incerteza: o BNG disputa con Vox un escano pola Coruña

A enquisa da Forta mantén a incerteza: o BNG disputa con Vox un escano pola Coruña
Votacións na xornada do 10-N. (SG)
Votacións na xornada do 10-N. (SG)  

[ACTUALIZADA ÁS 20.38] A enquisa (anterior ás votacións) prognostica un empate a escanos entre o PP e o PSOE na Galiza, con 10 actas cada un. En Común-Unidas Podemos mantería as súas dúas deputadas mentres que BNG e Vox desputarían a acta pola Coruña. A nivel Estado, o PSOE vence, pero baixa (ficaría entre 114 e 119); mentres sobe a dereita PP (de 85 a 90 escanos) e Vox (de 56 a 59). Non habería maiorías claras para un pacto de Goberno nin á dereita nin á esquerda.

 


Segundo a enquisa da Forta (televisións autonómicas) e RTVE, na Galiza o PP e o PSOE igualan a 10 escanos (con idéntico reparto: 3 pola Coruña, 3 por Pontevedra, 2 por Lugo e 2 por Ourense). En Común-Unidas Podemos mantén as 2 actas (pola Coruña e por Potevedra). O escano restante pola Coruña está en disputa entre Vox e o BNG.

No Estado, a sondaxe sinala o PSOE como gañador das eleccións, pero cun rango entre 114 e 119 deputadas (tiña 123); o PP sumaría entre 85 e 90 (tiña 66) e tamén sobe Vox, entre 56 e 59 deputadas (sumaba 24). Podemos, que queda entre 30 e 34, e Ciudadanos, entre 14 e 15, perden escanos no Estado.

Pola súa parte, as forzas independentistas catalás incrementan o seu apoio: ERC (14 ou 15, tiña 15); JxCat (6 ou 7; tiña 7) e a CUP é a que provoca o salto, sumaría 3 ou 4 deputadas na súa primeira participación nunhas estatais.

Realizada pola empresa GAD-3, non é unha sondaxe a pé de urna, senón unha enquisa telefónica anterior ás votacións que se fixo entre o 25 de outubro e este mesmo domingo, cunha mostra de 53.000 entrevistas en todo o Estado.

Outros estudos demoscópicos

O tracking de Sondaxe para La Voz de Galicia mantén o PSOE como primeira forza na Galiza, empatando a 10 escanos co PP. Outorga os dous escanos actuais a En Común-Unidas Podemos e a Vox o escano que perdería Ciudadanos.

O estudo de Celeste-Tel para El Diario.es, elaborada en base a 1.100 chamadas telefónicas, mantén o PSOE como primeira forza no Estado, con catro actas menos, seguido polo PP, ao que outorga case 30 máis e de Vox, con 44. En Común Unidas Podemos quedaría en 33.

A sondaxe de Sociométrica para El Español prognostica unha caída de entre 5 e 9 escanos ao PSOE en todo o Estado e unha suba de 20 ao PP. Sitúa como terceira forza Vox, con até 58 escanos. En Común-Unidas Podemos tería 40.