ESPIMOS OS PROGRAMAS ELECTORAIS

Que entenden os partidos por políticas feministas?

Que entenden os partidos por políticas feministas?

Así como Ciudadanos apenas lle dedica dúas medidas ás políticas de igualdade, outras forzas, nomeadamente En Común-Unidas Podemos; BNG, PSOE ou En Marea fan das políticas feministas unha das pedras angulares dos seus programas electorais.


A igualdade como política transversal. Así entenden En Común-Unidas Podemos, BNG, PSOE ou En Marea as medidas feministas que inclúen nos seus programas, fronte a outras forzas que apenas dedican espazo á perspectiva de xénero.

En Común-Unidas Podemos recolle propostas concretas sobre igualdade salarial e aposta en crear “unha materia de feminismos na educación pública como ferramenta de transformación das relacións de desigualdade”. Tamén promete “instaurar a paridade nas Administracións Públicas e nos organismos financiados con diñeiro público” así como garantir os dereitos sexuais e reprodutivos. Entre as medidas máis destacadas atópase a realización dun estudo para a posíbel implantación da pílula anticonceptiva masculina”.

Unha lei para a Protección da Liberdade Sexual de todas as Persoas e a Erradicación das Violencias Sexuais é unha das propostas de Unidas-Podemos

A coalición da que forman parte Podemos e IU di que aprobará unha Lei para a Protección da Liberdade Sexual de todas as Persoas e a Erradicación das Violencias Sexuais e que incrementará o orzamento dedicado a políticas de igualdade.

Un estudo para a conciliación, a contratación pública como ferramenta de fomento da igualdade, un plan estatal de loita contra as violencias machistas cunha dotación anual de 600 millóns de euros, axudas á autonomía das mulleres vítimas de violencias machistas e unha garantía habitacional e a creación de xulgados de violencia sobre a muller son outras das medidas recollidas por En Común-Unidas Podemos.

O BNG aposta en eliminar o sexismo nos medios de comunicación

O BNG advirte no seu programa de que a falta de capacidade en ámbitos como o xudicial ou o laboral, que dependen en boa medida do Estado, “teñen lastrado a nosa capacidade transformadora”. Entre as medidas que recolle a formación nacionalista atópase incrementar e mellorar os recursos e actuacións destinadas a avanzar na efectiva igualdade en todos os ámbitos sociais e económicos, vixiar o cumprimento do Pacto de Estado para corrixir a falta de desenvolvemento desde a súa aprobación en setembro de 2017, “especialmente daqueles aspectos lexislativos que dependen exclusivamente do Estado e afectan as mulleres galegas, como os referidos á xustiza”.

Introducir o termo feminicidio no marco legal, introducir no marco legal o concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais, demandar a aplicación por parte do Estado español do Convenio de Istambul, impulsar medidas de formación e mecanismos de control para despatriarcalizar a xustiza e garantir unha atención integral da violencia machista na xustiza en todo o territorio son liñas de actuación que defenden as nacionalistas.

O BNG propón acabar coas axudas a asociacións antiabortistas por ir en contra dos dereitos humanos e aposta en permisos iguais e intransferíbeis para pais e nais e a súa extensión até o ano de duración

O BNG aposta nunha lei de igualdade salarial, en defender o recoñecemento legal das familias monoparentais e monomarentais que o son en orixe, por decisión propia, en impulsar a implantación de permisos iguais e intransferíbeis para pais e nais e a súa extensión até o ano de duración, en promover políticas de apoio para a conciliación persoal e de coidados e na inmediata equiparación de dereitos laborais e protección social para as traballadoras de fogar e de coidados.

O Bloque tamén propón ampliar os dereitos da Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo eliminando as restricións actuais ás mozas de 16 e 17 anos e garantindo unha prestación de calidade no ámbito sanitario público galego así como prohibir o financiamento con diñeiro público das asociacións antiabortistas por ir en contra dos dereitos humanos. Impulsar medidas para a eliminación do sexismo nos medios de comunicación e prohibir a publicidade de contactos sexuais son outras das medidas.

En Marea propón unha lei contra a trata de persoas

Orzar políticas específicas e transversais de xénero; plans de concienciación sobre o patriarcado como problemática estrutural; promover políticas públicas de igualdade; asegurar o acceso, a través da sanidade pública, á Interrupción voluntaria do Embarazo sen persecucións, informacións sesgadas nin presións e o impulso á conciliación e á corresponsabilidade son as propostas de En Marea.

En Marea pide plans de concienciación sobre o patriarcado como problemática estrutural

O partido liderado por Luís Villares tamén propón igualdade salarial, unha Lei integral contra a trata de persoas e contra a explotación sexual como formas extremas de violencia de machista, ampliar o permiso de maternidade e equiparar os permisos de paternidade e maternidade, aumentar a formación sobre igualdade e violencia machista de todos os colectivos que traballan con mulleres e garantir medios materiais para a creación de xulgados de violencia contra as mulleres.

A implementación efectiva do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a formación obrigatoria en materia de xénero aos corpos e forzas de seguridade e aos xuíces e fiscais son outras das liñas de actuación recollidas no programa de En Marea.

O PSOE pon o foco nas mulleres máis desfavorecidas

O PSOE comprométese a “seguir traballando por sacar adiante o contido da proposición de lei socialista para garantir igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación”. Garantir as condicións de acceso, permanencia e promoción das mulleres no mercado de traballo, incidir na fenda salarial e afondar no cumprimento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero son medidas recollidas no programa.

As mulleres do rural, as que presentan algunha discapacidade e as que pertencen a “minorías étnicas” e as migrantes son obxectivo de propostas do PSOE

As mulleres do rural, as que presentan algunha discapacidade e as que pertencen a “minorías étnicas” e as migrantes son obxectivo de propostas do PSOE, que quere mudar a tipificación dos delitos sexuais para garantir que a falta de consentimento explícito da vítima sexa clave. Engade, ademais, a lei integral contra a trata e unha reforma da lei de identidade de xénero.

PP, Compromiso e Ciudadanos

O programa do PP recolle a creación dun Plan estratéxico de igualdade de oportunidades, un plan contra a fenda salarial, o apoio ás emprendedoras, un Pacto para a conciliación, estender os supostos de prisión permanente revisábel aos casos de asasinato “en que concorran algúns supostos de violencia de xénero acreditada”, o desenvolvemento do pacto de Estado, a mellora dos protocolos de atención sanitaria contra a violencia de xénero, programas específicos para as mulleres do rural, un Plan para a efectividade das ordes de protección e unha lei contra a trata.

Compromiso por Galicia sinala o seu afán por loitar “contra todas as formas de discriminación e primeiramente a loita na eliminación das grandes diferencias entre homes e mulleres, así mesmo como naquelas derivadas da orientación sexual” e “unha maior visibilización profesional da muller, a eliminación das brechas salariais e o avance na corresponsabilidade das nosas sociedades”.

Para Ciudadanos a igualdade non é un tema central. Tan só fai alusión o programa a “conseguir a igualdade real entre mulleres e homes” e a “desenvolver o Pacto de Estado contra a Violencia Machista”.

Que medidas te convencen máis? Participa na enquisa de Sermos Galiza.