MANUEL MONGE, AUTOR DE "INDECENCIAS E CORRUPTELAS"

“Escribín un libro para combater a dereita e para o rearme político e ideolóxico”

“Escribín un libro para combater a dereita e para o rearme político e ideolóxico”
Manuel Monge
Manuel Monge  

Indecencias e corruptelas é o último libro do mestre e sociólogo Manuel Monge, colaborador de Sermos Galiza


Como xurdiu o libro?

En principio, o libro ía titularse Crónicas para indignarse e empecei a elaboralo tras o 15M. Metín unha cantidade de material enorme e tiven que repartilo en varios libros, en tres partes. Había temas entremesturados, con moita información sobre A Coruña –recentemente, publicou O poder na Coruña: de Vázquez a Negreira-, sobre a corrupción e despois moita información sobre a monarquía. De aí que me propuxera escribir tres libros. O terceiro, xa vos conto a primicia, publicarase entre febreiro e marzo e tratará sobre a monarquía caduca e corrupta e os restos dos franquismo.

E, sendo tan prolífico, traballa en algún outro libro?

Teño outro libro para publicar este ano, antes das eleccións galegas, sobre o balanzo dos oito anos de Feijóo no Goberno. E con isto, espero tomar un ano sabático. Tamén gostaría de publicar unha historia a popularizar nos centros de ensino e entre a mocidade do país. Hai acontecementos históricos que seguen secuestrados e aos que non se lles dá importancia. Refírome a mobilizacións cívicas como a de Xove, a do Prestige ou as tractoradas. Pasan os anos e hai que refrescar a memoria. Este é un proxecto a dous ou tres anos vista, para dar a coñecer nun volume para unha historia de Galiza actualizada o que non aparece nos libros de texto oficial.

"A base para derrotar a dereita é que haxa información, ter argumentos para rebater o que din… E hai que facelo con datos e exemplos"

Por que di que Indecencias e corruptelas é un libro de combate?

Trata de cousas que non se poden dicir nin divulgar. A  explicación do porqué deste secuestro é que aparecen nomes e apelidos que están implicados. Aquí pódese falar en abstracto pero cando dis que a corrupción é unha forma de goberno e concretas os concellos –no libro aparece unha referencia a 35 concellos da Galiza, todos eles gobernados polo PP con sentenzas en firme ou procesos xudiciais abertos por corrupción- non e fácil de publicar. Este é un libro para combater a dereita, no que dou información que pode contribuír ao rearme ideolóxico e político. A base para o facer é que haxa información, ter argumentos para rebater o que din… E hai que facelo con datos e exemplos; desmontar moitos discursos que, a forza de se repetir, acaban asumidos como propios, como o feito de que é mellor o ensino privado que o público.

Cal é obxectivo da obra?

Que aumente a indignación. A indignación é algo novo e non o é. Moitos levamos 50 anos indignados e militando. E esa indignación de antes tiña un custo moito maior que a de agora. Hai 40 anos significaba organizarse politicamente e dar a cara, o que implicaba multas, acabar no cárcere e perder o posto de traballo.

"O capitalismo non ten corazón porque o obxectivo é a explotación das persoas; canta máis explotación, máis beneficio hai"

Fala no libro do desarme ideolóxico da esquerda. A que se refire?

As veces, non se ten moi claro de onde veñen os problemas de fondo e no libro recollo frases que son moi axeitadas para explicar o pasa. Recollo frases de significados economistas, como José Luis Sampedro sobre a crise, que non é só unha crise económica, senón política. Hai que ver as causas de todo. Falo do capitalismo sen corazón e digo que non hai capitalismo mellor ou peor. O capitalismo non ten corazón porque o obxectivo é a explotación das persoas; canta máis explotación, máis beneficio hai. Tamén falo do derrubamento do edificio de Bangladesh, no que morreron 1.200 persoas porque traballaban persoas con salarios e condicións laborais de miseria e onde se facían prendas de El Corte Inglés, Primark ou Mango. Falo do mundo empresarial, dos supostos empresarios “exemplares” e falo do terrorismo patronal. Non se fala disto e claro que existe.

Pode poñer un exemplo?

O de Jesús Manuel Alonso, empresario multimillonario, dono de Jealsa e relacionado con empresas téxtiles do Barbanza. Foi alcalde de Boiro oito anos polo PP, até que conseguiu a Alcaldía Xosé Deira (BNG), que se mantivo no cargo en dous mandatos. Cando ían chegar as eleccións de 2011, este home reuniu o cadro de persoal nunha cea e anunciou ante 1.500 traballadores e traballadoras que no caso de que seguise gobernando o BNG trasladaría as empresas a outro lugar. Actos coma este de terrorismo patronal deberían recollerse no Código Penal. Finalmente, en 2011 recuperou o PP a Alcaldía e celebrárono cunha comida na que participaron Alonso e o propio Rajoy.

"A xente empeza a tomar nota. Non é verdade que se premie aos corruptos"

En canto á corrupción, a que casos se refire?

Entre os 35, o de Santiago, co goberno de Conde Roa como exemplo. O paradoxo deuse cando Hernández, na ofrenda do Apóstolo, pediu acabar coa corrupción. Hai que ter morro, cando a corrupción está dentro do PP. Tamén falo de que a xustiza non actúa coa dilixencia que debera. É o exemplo de Ares, onde se demostrou, a raíz dunha denuncia do BNG, que se inscribiron medio cento de persoas como residentes en Ares e eses votos foron decisivos para quitarlle a Alcaldía ao BNG. Anos despois, cando xa non había nada que facer, a xustiza dixo que esa manobra non era legal. Ademais, fago unha valoración de cómo en concellos non se deu unha reacción cidadá para castigar nas urnas os alcaldes corruptos e falo tamén do contrario, de casos como os de Ponteareas, Mazaricos ou Fisterra. A xente empeza a tomar nota. Non é verdade que se premie aos corruptos.

E tamén escribe sobre a Gurtel.

Falo de Galiza e de como Feijóo tiña coñecemento de toda a trama e non fixo absolutamente nada. De feito, mantivo Pablo Crespo, que fora número 2 do PPdeG, no Consello de Administración de Portos de Galiza co visto e prace de Carlos Negreira. Tamén falo das repercusións a nivel económico da trama Gurtel na propia organización do PP. Sábese que dos 12 millóns, procedentes de cartos negros, que o PP destinaría a actos electorais, a metade, seis, gastaríaos o PP na Galiza. Así se explican as campañas marabillosas do PPdeG. Nesas páxinas, falo de Sacyr, Villar Mir, Bárcenas, Fabra, Matas… e mesmo aludo ás loas que lle teñen dedicado Rajoy ou Feijóo a todos os imputados.

"Recollo todo o que está publicado en moitos medios de comunicación e en sumarios públicos. En certa maneira, fago de notario do que pasa"

Non teme facer todas estas revelacións?

Non, porque eu non son investigador. Non teño tempo nin medios. O libro ten citas onde aparece cada unha destas cuestións. Eu recollo todo o que está publicado en moitos medios de comunicación e en sumarios públicos. En certa maneira, fago de notario do que pasa para calquera que queira informarse, como di de maneira cariñosa Manuel Rivas no limiar do libro.

E sobre que indecencias escribe?

Pois sobre o gasto militar, entre outros. Desde 2000, houbo 19 programas especiais de armamento, cun orzamento de 31 mil millóns de euros. O portavións Príncipe de Asturias custou 630 millóns de euros e 25 anos despois da súa compra din que non vale e véndeno como ferralla por 500.000 euros. Tamén a fragata Baleares se vende por 350.000 euros. Ademais, escribo dos gastos nas tropas. En Afganistán, desde 2002, gastáronse 3.500 millóns de euros e perderon a vida 100 militares. Disto tería moito que falar o ex xefe do XEMAD, Julio Rodríguez (candidato de Podemos ao Congreso). Semella que ninguén se acorda destas cuestións. E que dicir das chapuzas? Hai chapuzas tremendas, como os proxectos para facer catro submarinos que non frotaban, eran os S80. A broma de aumentar a eslora en 10 metros ten un sobrecusto de 800 millóns. Que imos esperar se Morenés, o ministro de Defensa, é realmente un ministro da Guerra, relacionado cunha empresa de fabricación de bombas de acio que chegou a pedir indemnización pola prohibición de empregar esta arma.

"En 2011, a débeda pública estaba en 737 mil millóns e agora está en 1 billón de euros"

E á Igrexa tamén lle dedica páxinas.

A Igrexa recibe 10.000 millóns de euros cada ano das arcas públicas. É un tema indignante, como o é que o Goberno de Zapatero incrementara a axuda á Igrexa a través da declaración da renda. Antes dedicábase o 0,5% e coa chegada do Goberno socialista de Zapatero a porcentaxe aumentou ao 0,7%. E quen era o embaixador no Vaticano daquela? Paco Vázquez. Non é de estrañar que tivese tantas medallas. Tamén falo das xubilacións dos banqueiros, cuns datos que apenas se difunden, e fago comparacións do que cobraron co que cobran os políticos. Só co que cobraron os cinco directivos das extintas caixas, daría para pagarlles os salarios aos sete alcaldes das sete cidades galegas durante 170 anos. Estes datos non saen nos medios. As portas xiratorias e os cargos de Felipe González e Aznar nas empresas eléctricas e os recortes de Rajoy son outros dos temas aos que me refiro. Hai un dato moi interesante, que é o da débeda pública. En 2011, a débeda pública estaba en 737 mil millóns e agora está en 1 billón de euros. Hai que dedicar cada día 100 millóns de euros diarios.