Espiral agrupa mozas e mozos de esquerdas nun espazo rupturista e republicano galego

Espiral agrupa mozas e mozos de esquerdas nun espazo rupturista e republicano galego
Asemblea constituinte de Espiral onte na Facultade de Políticas en Compostela.
Asemblea constituinte de Espiral onte na Facultade de Políticas en Compostela.  

Espiral-Mocidade Republicana Galega aspira a converterse nun novo actor na política galega “para inxerirse no espazo de ruptura e promover unha alternativa galega ao réxime do 78”, segundo expresou onte a asemblea constituínte celebrada en Compostela.


Unhas trescentas mozas e mozos de todo o país fan parte de Espiral-Mocidade Republicana Galega. Iván Rodríguez, un mozo de Noia de 22 anos, licenciado en Filosofía en busca de traballo, foi elixido portavoz nacional da nova organización. Encabeza unha coordinadora da que fan parte, entre outras, Paula Quinteiro, militante de Anticapitalistas Galiza e deputada de En Marea no Parlamento galego, e Sara Outeiral, membro do Consello das Mareas.  

Ao acto fundacional de Espiral na Facultade de Ciencias Políticas da USC asistiron destacados representantes de Anova, como Antón Sánchez ou Pepe Arias, xunto a inscritos en Podemos Galicia e membros de Marea Atlántica, Ourense en Común, a FPG ou a Asemblea Nacional das Estudantes Galegas (Anega), entre outras organizacións.

Desas organizacións, e de militantes independentistas e das xuventudes comunistas, nace Espiral. O propio Iván Rodríguez é militante de Anova e foi portavoz de Anega. "Queremos construír unha alternativa ao réxime do 78 desde unha perspectiva anticapitalista e republicana galega", explica Rodríguez, que se refire ao 15-M e á crise económica como os acontecementos que permitiron "abrir eses espazos de ruptura democrática" no que se inxire Espiral como organización xuvenil. 

Espiral-Mocidade Republicana Galega  non ten “vinculación orgánica” con ningunha outra formación política. É autónoma, de afiliación individual e cunha limitación de idade (até os 30 anos). O proceso comezou o pasado 1 de maio, celebráronse máis de vinte asembleas informativas en cidades e vilas de todo o país até chegar á asemblea de onte. “Un grupo de xente que compartimos outros espazos vimos a necesidade de organizarnos como mozas e mozos para ter voz propia e fixemos ese chamamento á mocidade do país situada na esquerda para avanzar no movemento de ruptura”, subliñan outros promotores, e precisan que Espiral-Mocidade Republicana Galega nace para loitar contra a precariedade laboral e os retallos nos dereitos fundamentais e para promover unha república galega.



x