Esquerda Unida inicia o proceso de primarias abertas para elixir a persoa candidata á Xunta

Esquerda Unida inicia o proceso de primarias abertas para elixir a persoa candidata á Xunta

A candidata ou candidato será elixido en outubro.


En outubro coñecerase a persoa que Esquerda Unida elixe como candidata á presidencia da Xunta nas eleccións do vindeiro ano. A Coordinadora Nacional de EU reuniuse este sábado para aprobar a posta en andamento do proceso de primarias abertas do que sairá designada esa persoa.

“É un proceso que rematará no mes que vén, cando elixamos á persoa candidata de Esquerda Unida para a presidencia de Xunta de Galicia”, explica Rubén Pérez, secretario de Organización, en declaracións a medios. “A continuación virá unha segunda fase para a elección, cando menos, dos catro primeiros postos das catro provinciais”, indicou.

Pérez defendeu o papel xogado por EU nestes anos, salientando a capacidade achegada “a unha das maiores apostas políticas que viviu Galiza, que foi a unidade popular e os procesos de confluencia”.

No ar está aínda a fórmula coa que o espazo denominado 'rupturista' concorrerá ás eleccións galegas de 2020 e que actores políticos farán parte do mesmo. Mentres Podemos e Esquerda Unida xa fraguaron a alianza de 'Galicia en Común' para as recentes eleccións xerais, as miradas diríxense a Anova e o papel que pode xogar, ou non, esta formación.