MADRID ASUMIRÁ AS BONIFICACIÓNS DAS PEAXES DE RANDE E A BARCALA

O Estado négase a transferir a AP-9 mais admite partillar a xestión

O Estado négase a transferir a AP-9 mais admite partillar a xestión

O ministro de Fomento ratifica que o goberno español mantén titularidade da autoestrada. Feijóo destaca a importancia do paso mais afirma que a Xunta continuará a demandar o traspaso.


O Estado español non vai soltar a AP-9 e mantén a titularidade da principal infraestrutura terrestre do noso país. Pouco pesou a petición unánime do Parlamento galego de transferencia da autoestrada –unha proposición de lei en orixe do BNG, unha iniciativa que continúa 'vetada' para o debate no Congreso- .O ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, que esta segunda feira se reuniu en Compostela co presidente da Xunta, anunciou que esta é unha vía de titularidade estatal e polo tanto debe de continuar en mans do Estado. Iso si, acepta que se cre unha comisión bilateral “ao máis alto nivel” entre ambas as dúas administracións, española e galega, para que a Xunta poida participar en decisións sobre a xestión da autovía.

“Ese é o compromiso, que nos coordinemos, que as decisións se tomen desde a lealdade e de forma partillada”, manifestou o ministro. A previsión do titular do departamento de Fomento é que xa en xaneiro teña lugar unha primeira xuntanza desta comisión, encontro no que se analice a conexión da AP-9 coa Cidade da Cultura.

Ana Pontón (BNG) e Luís Villares (En Marea) salientan que Feijóo traizoa o acordo unánime do Parlamento de Galiza ao tempo que evidencia o seu escaso peso político perante o goberno central

Feijóo e as bonificacións

De por parte, Núñez Feijóo destacou a importancia de que “por primeira vez” haxa unha xestión conxunta Estado-Xunta desta vía, se ben anunciou que o goberno galego non se conforma e vai continuar a demandar o traspaso da titularidade. O mandatario galego destacou o compromiso do Estado, que asume financiar na súa integridade as bonificacións das peaxes de Rande e A Barcala. “Galiza invistiu en bonificacións dunha autoestrada do estado 52 millóns de euros, 6 millóns por ano”, laiouse Feijóo.

A respecto do AVE, o ministro dixo que existían “dificultades técnicas” dun tramo de 18 quilómetros, deixando no ar a conclusión das obras, prevista para 2018. Tamén anunciou Íñigo de la Serna que agarda poder reunirse coas vítimas do sinistro de Angrois antes de finalizar o presente ano.

Reaccións

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que a reunión entre o ministro de Fomento e o presidente da Xunta confirma que o Goberno central veta a transferencia da AP-9 malia ser unha reclamación unánime do Parlamento, e que Feijóo acepta ese veto rompendo a unidade no Parlamento e amosando, de paso, "o seu escaso peso político en Madrid". É unha pena que non aproveitara esta xuntanza para dicirlle ao ministro de Fomento que non entendemos desde Galiza como se pode dicir que hai miles de millóns de euros para rescatar unhas autoestradas absolutamente ruinosas –as radiais madrileñas- e, ao mesmo tempo, se nós diga que non hai nin un só euro para rescatar aos galegos e as galegas dunhas peaxes abusivas”, alegou.

Luís Villares, portavoz parlamentar de En Marea, a decisión de "adiar indefinidamente" a transferencia da AP9 é “un signo de debilidade politica de Feijóo con respecto a Rajoy”. Para Villares “o feito de que Feijóo sexa incapaz de facer valer o acordo político do Parlamento de Galiza e da posición unánime do seu país e de comportarse como un verdadeiro presidente de Galiza di bastante pouco del e vai ter que dar moitas explicacións á cidadanía deste país”. Para o voceiro de En Marea estase xerando unha situación discriminatoria con respecto a outras autoestradas de Euskadi e Cataluña que si foron tranferidas e é por iso polo que lle pide a Feijóo que empece a exercer de Presidente da Xunta e deixer de ser unha especie de “Delegado do Goberno en Galicia”.