LUÍS SEARA. CANDIDATO DO BNG Á ALCALDÍA DE OURENSE

“Estamos ante o paradigma dun concello en parálise e decadencia”

“Estamos ante o paradigma dun concello en parálise e decadencia”
Luís Seara
Luís Seara  

Luís Seara encabeza a candidatura do Bloque Nacionalista Galego co obxectivo de recuperar unha representación determinante no concello de Ourense. Seara é diplomado en Maxisterio e foi concelleiro e portavoz do BNG na Merca durante doce anos. Participa activamente como activista social en diferentes plataformas e preséntase por primeira vez como candidato á alcaldía de Ourense, cidade onde vive. Responde o cuestionario vía correo electrónico.


Que supuxeron estes catro anos para Ourense?

Estamos ante o paradigma dun concello en parálise e decadencia. Estes catro anos gobernados polo PP en minoría supuxeron un retroceso para Ourense. Ademais, a inexistente oposición favoreceu tamén isto.

Estes catro anos gobernados polo PP en minoría supuxeron un retroceso para Ourense

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

A valoración é moi mala. É, sen lugar a dúbida, o peor alcalde da historia do concello de Ourense. As veciñas e veciños do concello testemuñan de xeito unánime este feito. Non houbo diálogo nin coas organizacións e asociacións nin coa veciñanza. Estamos ante catro anos de alcaldía inmobilista.

E o traballo realizado polo seu partido?

Nun contexto moi difícil, pois perdemos a representación nas pasadas eleccións, fixemos un traballo social máis que aceptábel. O BNG seguiu a ser a referencia de “extramuros” do concello para moitos colectivos, especialmente para os máis agredidos polas políticas do PP.

O BNG seguiu a ser a referencia de “extramuros” do concello para moitos colectivos

Cal é a principal necesidade do seu concello?

Ten moitas, mais neste momento é preciso sacar adiante o plan de urbanismo, para dar seguranza xurídica aos investidores que poidan estar mirando cara ao noso concello. Pero esta aprobación ten que cumprir un requisito previo que o PP acaba de obviar: a necesaria segunda exposición pública, á que se comprometeu o BNG cando deu o apoio a aprobación inicial deste instrumento de planeamento. 

Pararemos o novo pelotazo urbanístico do PP

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

A primeira das medidas que tomaremos será sacar a unha nova exposición pública o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) debido á aprobación temporal que realizou hai uns días o PP a través do Consello Consultivo. Un novo pelotazo urbanístico que pararemos.